O CPEIG recoñece a empresa NLPgo e o seu traballo a prol da lingüística co Premio Iniciativa Emprendedora

O colexiado Mario Barcala coordina a firma, que ten sede en Ames

Logo CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de fallar o seu "Premio Iniciativa Emprendedora", do que resultou gañadora a empresa NLPgo. A entrega do galardón será o 3 de xuño, dentro da celebración da "Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia", durante a cal se celebrarán os premios anuais do CPEIG.

NLPgo, con sede en Bertamiráns (Ames) nace en 2015 coa vocación de ser o apoio informático necesario para calquera lingüista ou grupo de lingüistas que non dispoñan do soporte informático suficiente para levar a cabo os seus proxectos lingüísticos.

Dentro do seus servizos, destaca a lingüística computacional, a través do desenvolvemento ou adaptación de aplicacións para crear, consultar, revisar ou etiquetar diferentes tipos de recursos lingüísticos: corpus, bases de datos terminolóxicas, dicionarios e bancos de árbores. O equipo de NLPgo tamén implanta toda a infraestrutura necesaria para levar a cabo os proxectos lingüísticos: servidores, almacenamento compartido, web, correo electrónico, dominios e copias de seguridade.

O coordinador da empresa é Mario Barcala, doutor en computación e quen, despois de formarse en lingüística computacional e de investigar e traballar con lingüistas a diario durante máis dunha década, decidiu sumar os esforzos de varios expertos a través deste proxecto empresarial para ofrecerlles solucións profesionais aos seus clientes.

Sobre o CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) é un dos colexios profesionais máis activos na defensa dos intereses dos seus colexiados. Constituído en decembro de 2007 e con sede en Santiago de Compostela, na actualidade conta con máis de 350 persoas colexiadas.