O CPEIG e o CESGA CELEBRAN o Día Internacional das Rapazas nas TIC

O vindeiro 28 de abril está prevista unha xornada a prol dunha maior presenza feminina no eido tecnolóxico

Logo Día das Rapazas nas TIC

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2016.- O  vindeiro xoves, día 28 de abril, conmemórase o “Día Internacional das Rapazas nas TIC” (Girls in ICT Day). A entidade International Telecommunications Union (ITU) promove esta celebración, orientada a motivar as novas xeracións de mozas para que consideren o ámbito das TIC para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional. 

O Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), promotor do Proxecto Europeo “ICT-Go-Girls!, promoción do emprendemento das rapazas de Secundaria a través das TI”, xunto co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), organiza a iniciativa galega no marco do Plan Proxecta, baixo a coordinación da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia. A iniciativa diríxese ás rapazas dos primeiros anos de Secundaria para proporcionarlles unha imaxe máis atractiva do mundo do emprendemento tecnolóxico e lograr así unha maior presenza feminina no eido das TIC.

Tamén colaboran na xornada as seguintes entidades: a Consellería de Educación, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), a Facultade de Informática da UDC e Woman Emprende-USC.

Programa 

Despois da benvida institucional a cargo da secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, a organización prevé un coloquio ás 11 da mañá desde centros educativos por multiconferencia con catro galegas destacadas: emprendedoras, investigadoras e tecnólogas no eido das TIC. O alumnado participante interactuará con elas para coñecer máis sobre os seus respectivos eidos profesionais e as motivacións persoais para elixir unha outra carreira profesional. As entrevistadas serán:

  • Natalia Costas Lago, enxeñeira en telecomunicacións e master en seguridade da información, xestiona a Rede de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia (RECETGA) e os servizos de rede do Centro de Supercomputación de Galicia, ademais de participar en proxectos innovadores baseados nas TIC 
  • Susana Gómez Carnero, Doutora en Enxeñaría Informática, CEO en Origami Soluciones, (www.origamisoluciones.com/) empresa de consultaría e desenvolvemento de solucións TIC, Directora Executiva BNI Galicia. 
  • Rebeca García Fandiño, doutora en Química, investigadora da Universidade de Santiago de Compostela e CSO en MD.USE Innovative Solutions (www.mduse.com), empresa dedicada ao desenvolvemento de software científico e aplicacións educativas para Química a través da Realidade Virtual.
  • Lorena Otero Cerdeira é doutora en informática pola Universidade de Vigo, docente e Investigadora do LIA2 (Laboratorio de Informática Aplicada) da Universidade de Vigo. Membro da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, na que tamén preside a súa comisión de Igualdade.

Ás 12.30 H. está prevista a presentación do movemento “Codegirl Galicia” e ás 12.40 H.  será o peche do acto da mañá.

Xornada de portas abertas

Xa pola tarde, desde as 17.30 H. ás 19.30 H., haberá unha xornada de portas abertas con actividades para nenas de entre 10 a 14 anos que incluirá un obradoiro de Scratch, visitas guiadas ao corazón do Superordenador Finisterrae 2 e demostracións de impresión 3D, robótica e realidade virtual.