O CPEIG consegue formar máis de 1.000 docentes nas xornadas sobre a LOPD

Remata a segunda edición do “Programa para formadores” en colaboración coa Amtega

Logo CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de pechar a segunda edición do “Programa de formación a docentes”, dirixido a profesoras e profesores, e que levou aos centros educativos información sobre a relación entre protección de datos e docentes.

Sumadas as dúas edicións realizadas ata o momento, a iniciativa formou máis de mil docentes, unha cifra que fala do éxito do programa, desenvolvido dentro do convenio asinado polo CPEIG e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). 

O  acordo insírese dentro dos obxectivos do CPEIG de lograr a incorporación de toda a sociedade aos novos recursos tecnolóxicos da información e das comunicacións, e a implicación dos cidadáns galegos na utilización das novas tecnoloxías como factor xerador de novas capacidades, de emprego e de desenvolvemento económico. 

Contidos

A formación dirixida aos docentes referiuse á protección de datos de carácter persoal e capacitación para a introdución da programación no currículo educativo.

O material que se utilizou nestas xornadas formativas e os relatores das mesmas foron achegados polo CPEIG. Como documento principal, cómpre destacar o uso da “Guía LOPD” https://www.cpeig.gal/portal/guia-lopd

Entre as  temáticas  formativas incluíuse: servizo de revisión e actualización continua da Guía LOPD, a raíz das novas consultas, normativa e casuística expostas; cursos formativos de protección de datos e cursos formativos en materia de programación.