Anovamos a colaboración coa Consellería de Educación no eido da programación e no uso seguro dos recursos tecnolóxicos

As iniciativas "Navega con Rumbo" e "Programación nas escolas"” chegarán a preto de 200 colexios e institutos de toda Galicia

Logo CPEIG

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) ratificaron o pasado 14 de abril o seu acordo de colaboración no ámbito educativo a través da sexta edición do "Navega con Rumbo" e da segunda edición da "Programación nas Escolas", dúas iniciativas que teñen como finalidade principal o desenvolvemento das competencias dixitais dos alumnado e a súa plena integración na nova contorna dixital.

O conselleiro Román Rodríguez e mais o presidente dos Enxeñeiros, Fernando Suárez, asinaron un acordo que permitirá de novo poñer en común unha serie de recursos e ferramentas tecnolóxicas á disposición de toda a comunidade educativa e, deste xeito, avanzar na calidade do ensino.

181 centros

O programa "Navega con Rumbo", que xa vai pola súa sexta edición, abrangue tanto o alumnado coma os docentes e as familias. É dicir, por unha banda está encamiñado directamente aos escolares para guialos cara a unha navegación segura, responsable e útil en Internet e, deste xeito, previr que sexan vítimas de condutas como o ciberacoso; e doutra banda, tamén fai partícipes a pais, nais e profesores das recomendacións precisas para que, á súa vez, actúen como correa de transmisión.

Para tal fin, o CPEIG encargarase de realizar xornadas divulgativas nos centros escolares Abalar de toda Galicia que neste curso chegará a uns 181 centros. Desde que se iniciou o programa no curso 10-11, o programa xa se impartiu en 450 colexios e institutos, e nas actividades realizadas ao seu abeiro participaron arredor de 65.000 persoas, na súa maior parte alumnado. Ademais, o programa está apoiado polas "Guías de Boas Prácticas" elaboradas polo CPEIG, que poden descargarse a través do web www.navegaconrumbo.es.

Programación nas escolas

A outra das iniciativas, "Programación nas escolas", renóvase por segundo ano consecutivo tras poñerse en marcha no curso pasado como unha acción pioneira para iniciar aos escolares na linguaxe da programación informática. Uns dez centros escolares de Primaria (que se suman aos outros dez da primeira edición) beneficiaranse neste curso desta iniciativa na que os rapaces e rapazas aprenden a programar dun xeito lúdico e proactivo. Para iso, ofrécenselle as ferramentas axeitadas para que comprendan que é un ordenador, como funciona, e como eles mesmos poden crear sinxelas aplicacións interactivas como videoxogos ou animacións, entre outros.

Cómpre lembrar que a materia de Programación –que se oferta por primeira vez neste curso- está sendo cursada por 1.785 alumnos de 50 centros de Secundaria de toda Galicia, o que da idea da importante demanda que ten este eido entre os rapaces e rapazas.

Tanto o "Navega con rumbo" como a "Programación nas escolas" está dirixido ao conxunto da comunidade escolar dos centros Abalar, é dicir, aqueles centros que contan con aulas dixitais e que a día de hoxe xa abrangue a uns 120.000 alumnos de 900 centros públicos.