CPEIG e CESGA colaboran na celebración do “Día das Rapazas nas TIC” o vindeiro 28 de abril

A presidenta da Comisión de Igualdade do colexio, Lorena Otero, participará xunto con outras expertas nun coloquio

Logo CPEIG

O 28 de abril o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) organizan varios actos para conmemorar o "Día das Rapazas nas TIC" (Girls in ICT Day), no marco do Plan Proxecta e a iniciativa Rapaciñ@s, dirixido especialmente aos centros de secundaria de Galicia.

O “Día das Rapazas nas TIC” é unha celebración a nivel internacional, orientada a motivar as novas xeracións de mozas para que consideren o ámbito das TIC para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional. Aquí está toda a información do movemento a nivel internacional.  

Coloquio por multiconferencia

Os actos de celebración comezarán ás 11 da mañá cun coloquio que se  realizará desde varios centros educativos por multiconferencia con catro destacadas galegas emprendedoras, investigadoras e tecnólogas no eido das TIC, ás que o alumnado participante dos centros galegos de Secundaria poderá coñecer e preguntarlles calquera dúbida sobre esta profesión ou as motivacións persoais que as levaron a traballar neste eido. A duración da actividade será de 11:30 ata as 12:30 horas.

As participantes serán:

  • Natalia Costas Lago, enxeñeira en Telecomunicacións e máster en seguridade da información, xestiona a Rede de Ciencia e  Tecnoloxía de Galicia (Recetga) e os servizos de rede do Centro de Supercomputación de Galicia, ademais de participar en proxectos innovadores baseados en redes de banda larga.
  • Susana Gómez Carnero, Doutora en Enxeñaría Informática, CEO en Origami Soluciones, (www.origamisoluciones.com/) empresa de consultaría e desenvolvemento de solucións TIC, Directora Executiva BNI Galicia.
  • Rebeca García Fandiño, doutora en Química, investigadora da Universidade de Santiago de Compostela e CSO en MD.USE Innovative Solutions (www.mduse.com), empresa dedicada ao desenvolvemento de software científico e aplicacións educativas para Química a través da Realidade Virtual.
  • Lorena Otero Cerdeira é doutora en Informática pola Universidad de Vigo. Docente e Investigadora do LIA2 (Laboratorio de Informática Aplicada) da Universidade de Vigo. Membro da Xunta de Goberno do CPEIG, na que tamén preside a súa comisión de Igualdade.

Contra as 17.30 H., emitirase o fallo do concurso de programación escolar sobre Scratch da iniciativa Rapaciñ@s, e en paralelo, haberá visitas guiadas ao corazón do Finisterrae 2 , o superordenador do CESGA, así como un obradoiro de impresión 3D. Estas actividades están pensadas para escolares de entre 10 a 14 anos.  

Se tedes interese en participar no evento da mañá desde o vosos centros educativos, por favor, contactade con en e-learning@cesga.es para recibir apoio e as instrucións para poder conectar con nós ese día. O evento terá unha duración aproximada de unha hora e media.

Sesión da tarde: Na web http://www.ictgogirls.eu/index_gl_Fnode_F102.html teremos todos os detalles do concurso e a información relacionada. Calquera consulta, enviar un correo a e-learning@cesga.es