O CPEIG participa na presentación do primeiro informe de seguimento do PEGSI 2007-2010

“supuxo un antes e un despois no desenvolvemento da Sociedade da Información en Galiza”

Quintana e Blanco presentando o balance do PEGSIO vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, e mailo conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, veñen de presentar de xeito conxunto o primeiro informe de seguimento do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI 2007-2010) que, segundo palabras de Quintana, “supuxo un antes e un despois no desenvolvemento da Sociedade da Información en Galiza” ó contar, por primeira vez, cunha estratexia para a implantación das TIC no país.

Durante o acto de presentación, Quintana salientou que o PEGSI é a ferramenta que está a permitir que en Galicia se mude “a economía do cemento pola economía do coñecemento”, algo fundamental para crear un modelo económico sólido que nos protexa dos vaivéns da economía internacional e que estea altamente diversificado, “relativizando así o peso da construción como motor da economía”.

O goberno galego aposta, mediante o PEGSI, por un modelo económico baseado na tecnoloxía, na innovación e no coñecemento e destina para o mesmo un orzamento total de 810 millóns de euros para o período 2007-2010.

O vicepresidente asegurou que os datos do primeiro ano de PEGSI “convidan ó optimismo” xa que demostran que se puxeron en marcha 279 accións enmarcadas nas 26 liñas de actuacións definidas no Plano. Asemade, o emprego no sector das TIC medrou un 35,8 por cento nos dous últimos anos, pasando de 11.500 traballadores no primeiro trimestre de 2006 a 15.700 no mesmo período de 2008 e o número de empresas do sector das novas tecnoloxías da información e a comunicación aumentou un 27,5 por cento entre 2004 e 2007, chegando ás 1.500 empresas.

Quintana ratificou ademais que os avances no campo da Sociedade de Información en Galiza se poden visualizar tamén nos instrumentos que se teñen posto en marcha nos últimos meses, tales como o Observatorio Galego da Sociedade da Información, a Plataforma Tecnolóxica Vindeira ou a instalación do superordenador Finisterrae no CESGA.