O vicepresidente sinala que a campaña “1 mes 1 profesión dixital” manifesta a necesidade de adquirir novas competencias dixitais

A Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña acolleu o pasado día 15 a quinta xornada

Programacion nas escolas

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) organizaron na tarde do pasado 15 de outubro a xornada Faite profesional dixital de tecnoloxías informáticas na arquitectura, que contou con destacados expertos. O encontro, ao que asistiu un medio cento de seguidores presenciais, insírese na campaña de divulgación e difusión de novos perfís profesionais na era dixital 1 mes, 1 profesión dixital e celebrouse no Salón de Actos da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (ETSAC).

Na benvida inaugural -na que participaron o decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, Antonio Maroño, e o director da ETSAC, Fernando Agrasar- o vicepresidente do CPEIG, Juan Otero, recibiu os presentes e destacou como “A campaña 1 mes, 1 profesión dixital nace co obxectivo de crear conciencia por parte da mocidade, universitarios, profesionais TIC e da cidadanía en xeral da necesidade de adquirir novas competencias e habilidades dixitais”.

Novas oportunidades de negocio

O representante do CPEIG referiuse ás empresas e profesionais que participan na campaña e “amosan como cada vez máis se están a demandar estas competencias e coñecementos dixitais, e como o emprendemento dixital, vinculado ao mundo da Internet e das redes sociais, fai que continuamente xurdan novas oportunidades de negocio”.

A iniciativa insírese na campaña europea e-Skills for Jobs 2015, coa que se busca rachar a fenda existente entre as demandas para unha transformación dixital, por unha banda, e as competencias e coñecementos técnicos e as capacidades da poboación activa, por outra. 

Os relatorios puidéronse seguirse co hashtag #1mes1profDIX e vía streaming a través da web do proxecto  http://profesionsdixitais.org/

Relatores expertos

Tras a benvida institucional, interveu Eloi Coloma Picó, consultor especialista en BIM e director do Master en BIM Managament Steering da Universidade Politécnica de Catañuña (UPC) para falar do “Impacto das tecnoloxías da información no sector da construción”. A continuación, falou Aitor Almaraz Sánchez, estudante do Master Universitario de Arquitectura da ETSAC cunha charla baixo o epígrafe de “Pensando en paramétrico. Contornas dixitais”.

Pola súa banda, Luis Antonio Hernández Ibáñez, profesor titular da UDC e coordinador do Grupo de Visualización Avanzada e Cartografía en Arquitectura, Enxeñaría Civil e Urbanismo, abordou a “Realidade virtual, interacción natural e motores de videoxogo. Tendencias en visualización interactiva de arquitectura”.

O último dos relatores foi José A. Vázquez, xefe de estudos da ETSAC, quen realizou unha presentación do Obradoiro de Fabricación Dixital da ETSAC. Como remate da xornada  celebrouse un debate entre os relatores e o público. 

1 mes, 1 profesión dixital

A campaña 1 mes, 1 profesión dixital arrincou o pasado mes de abril coa xornada Faite profesional dixital do marketing dixital. Trátase dun ciclo de seis xornadas sobre novos perfís dixitais que se desenvolverá ata finais de outubro, e que ten como obxectivo xeral crear conciencia da necesidade que teñen os cidadáns de mellorar o seu dominio da tecnoloxía da información e a comunicación cara ao emprego. A iniciativa é froito do acordo de colaboración asinado no presente ano entre o CPEIG e a Amtega.