O CPEIG aposta pola especialización intelixente como estratexia clave para o desenvolvemento de Galicia

Destacados expertos abordaron esta tarde en Santiago a lexislación e as oportunidades do uso dos drons nunha xornada

Xornada Drones

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2015.- A xornada “Lexislación e oportunidades do uso dos drons” analizou esta tarde, na sede do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela, o marco xurídico e outros aspectos relacionados cos vehículos aéreos non tripulados. O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), a Universidade de Vigo e os Colexios de Avogados de Ourense e Santiago impulsaron a iniciativa co apoio da empresa RKDrones e a colaboración da Axencia Estatal de Seguridade Aérea.

Nas palabras que pronunciou na presentación da xornada, o presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, defendeu “a especialización intelixente como unha estratexia clave para o futuro de Galicia”. 

“É preciso identificar, mediante un traballo conxunto da Administración, o tecido empresarial e os distintos axentes, as áreas de coñecemento e innovación nas que a nosa comunidade ten posibilidades de ser excelente e competitiva a escala mundial, en función tanto das súas vantaxes competitivas existentes e emerxentes, como das tendencias globais”, sinalou o representante do CPEIG.

Nova revolución dixital

“Neste contexto –afondou Suárez Lorenzo- a aparición de novas tecnoloxías coma os avións non tripulados supón unha nova revolución dixital nos nosos tempos. Pouco a pouco, o uso de drons no ámbito público é maior, e as posibilidades que brindan son moi amplas e poden utilizarse para beneficio de todos”. 

Xunto con Suárez Lorenzo, participaron na presentación da xornada o decano do Colexio de Avogados de Santiago, Evaristo Nogueira, e o coordinador da mesma e subdirector da Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo, Francisco Javier Rodríguez, quen tamén é membro da Xunta de Goberno do CPEIG. Durante a tarde, interviñeron diversos especialistas, tanto do eido privado coma do público.

“Drons de Seguridade Aérea. Marco Regulador”, foi a charla pronunciada por Laura López Sanz, da Axencia Estatal de Seguridade Aérea. A continuación, María Jesús Guerrero Lebrón, da Universidade Pablo Olavide falou da “Responsabilidade civil dos operadores de RPAs e o seu aseguramento obrigatorio”. “Drons para todos. Ámbitos de Aplicación”, a cargo dun representante da empresa RKDrone, foi a última das conferencias. A xornada pechouse cunha mesa redonda.

Sobre o CPEIG

O CPEIG é un dos colexios profesionais máis activos na defensa dos intereses dos seus colexiados. Con sede en Santiago de Compostela, na actualidade conta con máis de 350 persoas colexiadas.