A tese da colexiada Lorena Otero achega importantes avances para integrar diferentes dispositivos e proxectos de Smart Cities

O membro da xunta de goberno Francisco Javier Rodríguez Martínez dirixiu a investigación na ESEI

Lorena Otero

A colexiada do CPEIG Lorena Otero desenvolveu na súa tese de doutoramento “Estudo e aplicación de novos métodos de aliñamento de ontoloxías”, presentada recentemente, unha serie de algoritmos que permitirán integrar diferentes dispositivos e proxectos de Smart Cities. Trátase dun importante avance para as Cidades Intelixentes, un éxito que o CPEIG quere destacar publicamente.

Lorena Otero é unha colaboradora moi activa do colexio e tivo como director da tese, que presentou neste curso académico na Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense,  o profesor e tamén membro da xunta de goberno do CPEIG Francisco Javier Rodríguez.

Despois de tres anos e medio de investigación no Grupo LIA2, o traballo propón novos algoritmos baseados no aliñamento de ontoloxías para o seu uso no campo das cidades intelixentes. “Nos proxectos de Smart Cities en moitas ocasións os desenvolvementos fanse en proxectos piloto independentes e non necesariamente os desenvolvementos dun proxecto manexan o coñecemento co que traballan os demais. Cada un deles representa a información dun xeito diferente, coas consecuencias que iso implica”, explica a doutora en Enxeñaría Informática con mención internacional ao xornal electrónico Código Cero. 

Técnicas de aliñamento de ontoloxías

“Unha ontoloxía –engade a colexiada- é unha especificación formal dunha conceptualización compartida. É dicir, tense un vocabulario que define un dominio de interese, o cal se acompaña coa especificación, máis ou menos formal, do significado dos termos de dito vocabulario. As técnicas de aliñamento de ontoloxías o que permiten é extraer as relacións que existen entre os conceptos”.

A doutora engade:  “Por exemplo, se temos dous grupos de persoas que describen de maneira distinta dúas áreas xeográficas que se solapan en certa medida, as técnicas de aliñamento de ontoloxías permiten asociar de xeito automático eses conceptos: o que para un grupo é unha rúa asóciao co que para outros é unha avenida”.

Segundo apunta Código Cero, o obxectivo final da  investigación foi comprobar se ao empregar aliñamentos de ontoloxías en Smart Cities se poderían integrar diferentes sensores, aplicacións... desenvolvidos de maneira independente, ou mesmo feitos para diferentes cidades intelixentes, evitando ter que recodificar parte da Cidade Intelixente, co conseguinte gasto e impacto temporal que provocaría. “A idea sería que nun futuro un vehículo conectado movéndose de cidade intelixente en cidade intelixente tivese acceso a todos os servizos que estas acheguen dunha maneira automática”, indica a investigadora.

Para rematar, Otero Cerdeira afirma que “os resultados destas probas demostraron que si é posible empregar aliñamento de ontoloxías en cidades intelixentes cun grao de fiabilidade moi alto”.