Novos perfís profesionais ábrense paso na banca da man das TIC

No marco dunha campaña institucional de fomento das habilidades dixitais

Logo CPEIG

A dixitalización e as novas tecnoloxías da información e da comunicación están revolucionando todos os eidos da sociedade e polo tanto tamén os perfís dos profesionais que exercen en cada un deles. Un deses sectores é o da banca, que a pesar do seu carácter tradicional está vendo como xorden negocios ou liñas de traballo baseadas nas TIC que ofrecen novas alternativas de intercambio monetario. Algúns deses exemplos nados en Galicia puidéronse coñecer este martes na Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense no marco da Xornada Faite profesional da banca do futuro. 

A xornada forma parte da campaña 1 mes 1 profesión dixital, promovida pola Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) co obxectivo de crear conciencia por parte da mocidade, dos universitarios e universitarias, dos profesionais TIC e da cidadanía en xeral da necesidade de adquirir novas competencias e habilidades dixitais. “Estamos vivindo unha auténtica transformación dixital das nosas empresas grazas ás novas tecnoloxías e moitas profesións están adaptándose ás novas demandas que xorden”, apuntou o Fernando Suárez, presidente do CPEIG. Neste contexto, recalcou, “temos a obriga de concienciar aos profesionais e á cidadanía da necesidade de ter coñecementos neste senso”.

Exemplos concretos desde Galicia

Como exemplos destas nova forma de entender a banca, as xornadas contaron coas intervencións de Xoán González, egresado da Escola Superior de Enxeñaría Informática, cofundador e director técnico de SetPay, unha empresa especializada en medios de pagamento e ferramentas de fidelización; Abraham Otero, profesor da Universidade San Pablo CEU e divulgador da moeda electrónica bicoin desde os seus inicios; Roberto Baratta, director de Prevención de Perdas, Continuidade do Negocio e Seguridade en Abanca e enxeñeiro en Informática con ampla experiencia en diferentes responsabilidades da administración de sistemas e seguridade, e Fernando Prieto, economista de CUNEF con 18 anos de experiencia en banca e xestión, e agora emprendendo en videoxogos (Gato Salvaje Studio), crowdfunding (Start Your Business Consulting) e xeolocalización en edificios (Smart Guide).

Xoán González foi o primeiro en intervir para explicar o traballo da súa empresa e a súa visión sobre os novos perfís laborais no eido da banca. “Levamos tres anos funcionando e o que facemos é comercializar unha aplicación de móbil e unha TPV móbil, de modo que o pago se pode facer a través do teléfono desde calquera lugar”, explicou. González salientou como “nos últimos anos están xurdindo no eido da banca novas pequenas empresas que están empezando a comer mercado ás grandes porque teñen outra forma de traballar, máis útil para a xente”. Por este motivo, apuntou, “é importante facer iniciativas coma esta, que visibilicen as novas opcións que están emerxendo”. 

Trala súa presentación, interveu Abraham Otero para explicar as utilidades prácticas que pode ter para os cidadáns o uso da moeda virtual bitcoin, “unha moeda franca independente dos estados”. Salientando como esta opción está en auxe, restoulle importancia á polémica que a rodea nos medios de comunicación. Con esta moeda, explicou, pódese facer o equivalente a un pago en efectivo pero a distancia e sen deixar rastro, polo que determinadas persoas poden empregala para cuestións ilícitas. “Pero iso tamén pasa coa moeda tradicional e non se pon en cuestión a súa existencia”, advertiu. 

Unha campaña europea

Coas súas intervencións e a dos demais conferenciantes este martes no campus de Ourense dáse continuidade á campaña 1 mes 1 profesión, unha actuación enmárcase na campaña europea e-Skills for Jobs 2015, coa que se busca rachar a fenda existente entre as demandas para unha transformación dixital, por unha banda, e as competencias e coñecementos técnicos e as capacidades da poboación activa, por outra. Trátase, explican os promotores da iniciativa, de aproveitar o potencial das novas tecnoloxías e non perder o ritmo da concorrencia mundial. O marketing, a comunicación, a educación, a arquitectura, a sanidade, a empresa e en xeral todos os eidos profesionais e servizos á cidadanía, recalcan, avanzan pola senda da dixitalización e cómpre ter unha poboación preparada para asumir estes avances.