O pontevedrés Jesús Peón López, que estudou na Universidade da Coruña, gañador do Premio Proxecto Fin de Carreira do CPEIG

Recibirá 1.000 euros o vindeiro venres, día 26, durante a celebración da “Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia”

Jesus Peon Lopez Premio PFC

Santiago, 23 de xuño de 2015.- O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de fallar o Premio Proxecto Fin de Carreira, que na presente edición da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia distinguirá a Jesús Peón López (Pontevedra, 1986) pola “Plataforma de Identificación Biométrica en Emerxencias Sanitarias”. O galardoado, que recibirá 1.000 euros e unha esatuíña conmemorativa, é enxeñeiro en Informática pola Universidade da Coruña e desenvolve a súa actividade profesional nesta cidade.

O proxecto fin de carreira premiado consiste no desenvolvemento dunha plataforma que permite identificar os pacientes que requiren de atención sanitaria empregando sistemas biométricos. Este traballo desenvolveuse dentro dun proxecto de investigación levado a cabo por un consorcio de entidades liderado pola empresa Everis, firma onde o galardoado puido levar a cabo ou seu proxecto fin de carreira. 

O traballo ten como obxectivo investigar, desenvolver e implementar unha arquitectura de identificación biométrica (pegada dactilar e patrón intravenoso dixital), “minimizando a intrusividade da contorna de traballo do persoal sanitario e, ademais, que poida comunicarse con outros módulos para a obtención e comunciación da información necesaria”, segundo destaca o premiado.

Jesús Peón sinala que a plataforma ten coma vantaxe fundamental ofrecer un rápido acceso á información dos pacientes atendidos polo persoal sanitario de urxencias, o cal redundará nunha mellor asistencia ao doente.

O director do proxecto premiado foi Manuel Rodríguez Fernández e o titor, Carlos Aberto Pan Bermúdez. 

Mediante o galardón “Proxecto Fin de Carreira”, o ente colexial busca achegarse ao colectivo máis novo de enxeñeiros e defender as vantaxes da colexiación, ademais de estimular o traballo dos estudantes de Enxeñaría en Informática. 

Xurado

Formaron parte do xurados  os directores e decanos das escolas ou facultades:  Luis Hervella, da UDC; Antonio Mosquera, da USC; e Ana Garriga, da Universidade de Vigo. Por parte do CPEIG, o secretario, Juan José González Cid; o vicepresidente, Juan Otero; e  o presidente, Fernando Suárez.

O galardoado recibirá o premio o vindeiro día 26 no Hotel-Monumento San Francisco, en Santiago de Compostela, na sétima edición da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia. O evento representa un punto de encontro entre todos os colexiados e conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos.

Sobre o CPEIG

O CPEIG é un dos colexios profesionais máis activos na defensa dos intereses dos seus colexiados. Con sede en Santiago de Compostela, na actualidade conta con máis de 350 persoas colexiadas.