O CPEIG recoñece o Galicia Open Future de Telefónica cun dos seus galardóns anuais

Os enxeñeiros en Informática galegos fallan o Premio á Iniciativa Empresarial

Galicia Open Future

Santiago, 23 de xuño de 2015.- O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de facer público a concesión do Premio á Iniciativa Empresarial. Trátase de Telefónica polo  Galicia Open Future, ao ser “un proxecto tractor que, mediante a convocatoria de emprendedores, impulsa a innovación tecnolóxica en sectores estratéxicos para Galicia”.

Galicia Open Future convoca proxectos innovadores, cada un deles conta con formación e adestramentos personalizados que lles axudan a evolucionar máis axiña, así como a beneficiarse de todas as vantaxes que supón a globalidade do programa de Telefónica en canto a “partners” (62 socios públicos e privados), contactos con clientes e acceso a toda a rede de espazos Open Future (máis de 20 en 17 países diferentes). 

Deste xeito, o proxecto conecta os emprendedores con talento, organizacións privadas e públicas, e investidores de todo o mundo. 

Sobre o CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) é un dos colexios profesionais máis activos na defensa dos intereses dos seus colexiados. Constituído en decembro de 2007 e con sede en Santiago de Compostela, na actualidade conta con máis de 350 persoas colexiadas.