O CPEIG premia o “Estudo sobre os factores influentes na elección de estudos científicos, tecnolóxicos e matemáticos”

Os Enxeñeiros en Informática galegos fallan o Premio Iniciativa da Administración

Logo CPEIG

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2015.- O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática (CPEIG) decidiu recoñecer co Premio Iniciativa da Administración o esforzo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e da consultora Everis na realización do “Estudo sobre os factores influentes na elección de estudos científicos, tecnolóxicos e matemáticos”. O galardón entregarase o vindeiro 26 de xuño dentro da “Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia”.

O traballo –que está en proceso de realización- xorde nun contexto educativo galego no que só un 9% dos estudantes universitarios se matricula en carreiras científico-tecnolóxicas, unha situación que cómpre abordar para xerar un cambio que contribúa a aumentar o atractivo destas carreiras entre as mozas e mozos galegos.

Tripla visión

O “Estudo sobre os factores influentes na elección de estudos científicos, tecnolóxicos e matemáticos” pretende obter unha tripla visión cualitativa e estruturada sobre: as causas de carencia de vocacións científicas, tecnolóxicas e matemáticas entre o alumnado galego; o proceso de elección do itinerario formativo e profesional dos estudantes, os criterios, momentos críticos, axentes e factores que máis inflúen; e as posibles vías de actuación para potenciar estas vocacións e mellorar o rendemento escolar nestes ámbitos.

Para a elaboración do traballo partiuse dunha metodoloxía focalizada na visión que o propio alumnado de 3º, 4º da ESO e 1º e 2º de Bacharelato nos centros educativos galegos ten sobre os factores que máis inflúen no momento de elixir o seu itinerario formativo. Con esa intención trasladóuselle un cuestionario para recoller as súas percepcións a unha mostra representativa deste alumnado.

Sobre o CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) é un dos colexios profesionais máis activos na defensa dos intereses dos seus colexiados. Constituído en decembro de 2007 e con sede en Santiago de Compostela, na actualidade conta con máis de 350 persoas colexiadas.