Miguel Ángel Ríos Fernández, actual presidente da Real Academia Galega de Ciencias, colexiado de honra do CPEIG

O galardoado, doutor en Ciencias Químicas, foi pioneiro en Galicia no uso da Informática na investigación

Miguel Ángel Ríos Fernández

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2015.- O presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Miguel Ángel Ríos Fernández, converterase no vindeiro colexiado de honra do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). O recoñecemento farase oficial durante o transcurso da “Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia”, prevista para o vindeiro día 26 de xuño en Santiago de Compostela.

Entre os moitos méritos para obter o recoñecemento das enxeñeiras e enxeñeiros informáticos galegos, os membros do xurado destacan que Ríos Fernández foi “pioneiro no uso da Informática na investigación en Galicia e impulsor da súa implantación na actividade científica galega”.

Miguel Ángel Ríos Fernández é licenciado e doutor en Ciencias Químicas pola universidade compostelá, especializouse en Química Cuántica na Universidade de Kent (Gran Bretaña) e iniciou a investigación sobre esta especialidade en Galicia. 

Precisamente pola súa especialidade en investigación incorporou a finais da década dos 60 a Informática como ferramenta imprescindible para o desenvolvemento do seu traballo. A programación en Fortran e a procura de capacidade de computación pasou a ocupar o seu tempo e preocupación. 

Impulsor da sociedade do coñecemento

O novo colexiado de honra do CPEIG foi o primeiro director do primeiro Centro de Cálculo da Universidade Galega (USC) e responsable do primeiro computador de cálculo vectorial instalado en Galicia. Exerceu tamén como secretario xeral de I+D da Xunta de Galicia e foi impulsor da sociedade do coñecemento. Presidiu o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) e desde o ano 2010 é o presidente da Real Academia Galega de Ciencias.

Sobre o CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) é un dos colexios profesionais máis activos na defensa dos intereses dos seus colexiados. Constituído en decembro de 2007 e con sede en Santiago de Compostela, na actualidade conta con máis de 350 persoas colexiadas.