O CESGA deseñará un curso de formación en liña para persoal de recursos humanos de toda Europa

As actividades desenvolveranse dentro do marco do Proxecto YES (Youth Employment Support).

Logotipo del CESGAO Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), dependente da Consellaría de Innovación, vai desenvolver un contorno virtual de formación baseado no software libre que está implementado e adaptado para ofrecer formación ao persoal de recursos humanos das pequenas e medianas empresas en Europa.

O departamento encargado de desenvolver este contorno virtual será a Área de e-Learning, que levará a cabo a formación do persoal a través de sete cursos piloto nos que se combinará a formación presencial coa formación a distancia (seguindo a denominada metodoloxía blended-learning).

O YES é un proxecto educativo financiado pola Comisión Europea no marco do programa Sócrates-Leonardo que está orientado a formar a persoal de recursos humanos das pequenas e medianas empresas encargados de seleccionar e introducir a mozos e mozas aos seus postos de traballo nas empresas.

A formación que se vai impartir a través destes sete cursos prestará especial atención á dificultade que teñen para atopar emprego os mozos e mozas que non completan os seus estudos obrigatorios así como aqueles grupos de xoves con desvantaxes persoais ou socioeconómicas.

As principais actividades que se van levar a cabo neste proxecto, que se iniciou en novembro de 2007 e que rematará en outubro de 2009, son entre outras:

  • Obter información relevante da inserción laboral de mozos e mozas europeos extraída da experiencia levada a cabo no marco do proxecto EuroJobMediator así como doutras iniciativas a nivel europeo.
  • Levar a cabo unha análise de necesidades das empresas coa fin de desenvolver un soporte a medida.
  • Implementar un sistema virtual de formación e asesoramento en liña para o persoal responsable dos recursos humanos das PEMES do que se vai encargar o CESGA.
  • Levar a cabo cursos piloto para o persoal responsable dos recursos humanos das empresas instaladas en Austria, Francia, Eslovenia, Alemaña, Eslovaquia, Países Baixos e República Checa.
  • Avaliar a adecuación do sistema YES e os seus efectos nas relacións entre o empresariado e a xente nova.

Os resultados acadados daranse a coñecer ao remate do proxecto, nunha conferencia internacional.