A falta de banda ancha en Galicia frea o avance da administración electrónica

Só un 5,9% dos galegos realiza trámites a través de internet, tres puntos menos que a media europea - A Xunta asegura que é crave mellorar o acceso á rede.

Gráfico de uso de internetA Galicia tocoulle ser un referente das novas tecnoloxías fai un par de semanasp ara toda España. O arranque do apagamento da televisión analóxica viviuse aquí, no concello máis grande e un dos máis rurais, na Fonsagrada. Todo un símbolo, porque a verdade é que a brecha dixital segue sendo un grave problema na comunidade, á cola na porcentaxe de fogares conectados a internet e de uso da rede debido ás carencias da banda ancha. Pese ao avance dos últimos anos, só un 23% da poboación galega accede aos servizos básicos que concellos, deputacións e Xunta ofrecen de forma virtual, a chamada administración electrónica. E só un 5,9% realizan trámites electrónicamente, segundo un informe encargado pola Consellería de Presidencia.

Todos os cidadáns son usuarios potenciais da administración electrónica. Pero se falla a infraestrutura, de pouco valen o resto de medidas que se tomen, como recoñece o estudo, que analiza o grao de implantación da tramitación vía internet e os servizos que ofrecen os concellos da comunidade. "Dotar ás administracións locais das ferramentas tecnolóxicas adecuadas é unha condición necesaria, pero non é suficiente para completar o proceso de transformación que se require", apunta. Por iso, o seu desenvolvemento converteuse "nunha das prioridades políticas". "Ademais de potenciar a oferta dos propios contidos e servizos da e-Administración, o impulso da demanda e a utilización destes servizos pasa por facilitar o acceso público a todos os cidadáns".

E nesa fronte, a extensión da sociedade da información, Galicia aínda está colla. "Mostra un maior atraso", subliña o documento. As diferenzas tanto co resto de España como cos quince primeiros países que formaron a Unión Europea son moi, moi destacables. A comunidade pasou de ter no ano 2002 un 12,3% de fogares enganchados á rede a un 29,6% en 2006. É dicir, en catro anos multiplicouse por dous o acceso. Pero, aínda así, a desigualdade coa media nacional é de case dez puntos e dun 24,4% cos países comunitarios máis avanzados. Se realizamos a mesma comparación tendo en conta o volume de cidadáns que empregaron internet nos últimos tres meses do último exercicio analizado, as variacións non son tan grandes. Case un 42% dos galegos é internauta, fronte ao 47,9% no conxunto de España e o 56% na UE.

Diferenzas

Dese máis dun millón de galegos que se moven pola rede habitualmente, algo máis da metade, un 54%, acceden aos servizos que ofrece a administración electrónica. O que representa o 23% de toda a poboación da comunidade. A cifra esborrállase no seguinte paso, á hora de utilizar a rede para levar a cabo trámites, e queda por baixo do 7% de media nacional e moi lonxe da europea, do 9% e do 10,1% que se alcanza en Madrid.

Detrás do baixo índice do uso da tramitación virtual en Galicia están as barreiras para dispor de terminais de acceso e as carencias da banda ancha e a rede sen fíos, factores, como apunta o estudo que manexa o Goberno galego, "que contribúen de forma decisiva a que se poidan ofrecer aplicacións da administración electrónica de suficiente calidade, accesibles para os cidadáns". A comunidade ten un diferencial de 14 puntos con respecto a Europa na conexión á banda ancha desde os fogares, sobre todo, pola desconexión das zonas rurais. "A posibilidade de impulsar a sociedade da información e a administración electrónica en Galicia -aconsella o informe- pasa polo impulso de accesos á banda ancha en todo o territorio, especialmente nas zonas rurais, e por dedicar atención ás zonas con desvantaxes xeográficas e naturais permanentes".

O 43% dos concellos dispón dunha páxina web

A administración electrónica desde os concellos ten un dobre papel. O primeiro, evidente, achegar a xestión municipal aos cidadáns. E un segundo, máis sutil, que é, precisamente, o fomento do uso das novas tecnoloxías e axudar a lograr a converxencia con Europa nos principais indicadores da sociedade da información. O 100% dos concellos galegos está conectado a internet, aínda que a velocidade non é a mesma. Canto máis rurais, máis problemas. O 56%, ademais, ten páxina web. Porcentaxe que se move entre o 43% dos que teñen menos de 5.000 habitantes, o 100% entre os máis grandes e o 81% dos que teñen entre 10.000 e 50.000 veciños, "un nivel baixo" porque teñen capacidade e dimensións para ter un portal.

O servizo máis utilizado é a declaración da renda

Non en todas as comparacións Galicia perde. Nun dos trámites administrativos que máis afectan á sociedade, a declaración da renda, a proporción de cidadáns galegos que a realizan vía internet é ata dous puntos máis elevada que a media nacional: un 28,8% fronte ao 26,8%. Por encima do conxunto do Estado, tamén no caso de peticións e entregas de certificados, como os solicitados ao Rexistro Civil, para matricularse en estudos e para empadroarse. Xa por baixo da media, en servizos relacionados coa saúde -só acoden a internet para facelo un 14,4% dos galegos con acceso á rede-, obter un traballo (15,3%), acceder a bibliotecas públicas (15,5%), trámites de documentos persoais (11,7%) e denuncias policiais (2%).