Home, vocacional e con contrato indefinido no sector privado, perfil dos Enxeñeiros en Informática

Presentado en Santiago o Informe sobre a Situación Laboral das Enxeñarías en Informática, realizado polo CPEIG co financiamento da Amtega e coa colaboración do CPETIG

presentacion estudo

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2014.- A Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) da Universidade de Santiago de Compostela acolleu esta mañá a presentación do Informe sobre a Situación Laboral das Enxeñarías en Informática, que retrata a realidade profesional tanto dos enxeñeiros coma dos enxeñeiros técnicos en Informática. O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática (CPEIG) realizou o traballo, coa colaboración do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG) e o financiamento da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Participaron na presentación Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG); Antonio Mosquera, director da ETSE; e Felicitas Rodríguez, xefa do Departamento de Sociedade da Información da Amtega. O informe está dispoñible no portal do CPEIG www.cpeig.org/portal. 

Durante a charla, que tivo lugar diante dun nutrido número de estudantes, o presidente do CPEIG destacou a alta empregabilidade dos enxeñeiros, cun 91,77 por cento traballando. Nesta porcentaxe, “é significativamente positivo que a metade dos ocupados atopara o seu primeiro emprego en menos dun mes e que a media de titulados obteña o primeiro traballo en dous meses e medio desde que comeza a procura laboral”, sinalou Suárez Lorenzo.

Dentro dos resultados que verte o estudo, destaca tamén que o 98,17% dos que traballan o fan a xornada completa e tan só un 1,83% o fai a tempo parcial. En relación ao tipo de contrato, o 77,98% son indefinidos, “síntoma da estabilidade laboral que teñen os titulados tanto da enxeñaría de ciclo longo coma da enxeñaría técnica informática”,  comentou o presidente do CPEIG. 

En canto aos sectores nos que os enxeñeiros obxecto do estudo desenvolven a súa profesión, a meirande parte (o 55,72%) traballan no eido privado. En relación á remuneración salarial, na presentación destacouse que o tramo máis común e o comprendido entre os 18.000€ e os 30.000€ brutos ao ano, independentemente do sector no que traballen.

A prol da sinatura dos proxectos polo autor

Na análise do principal exercicio profesional, destaca que este se corresponde coa elaboración de proxectos informáticos, que representa o 43,78% do total. En relación a este último aspecto, cómpre destacar que a maioría dos enquisados (94%) amosa o seu acordo con que os proxectos informáticos sempre deberan ir asinados polo autor e que, ademais,  as enxeñeiras e enxeñeiros en Informática deberían ter atribucións para que soamente quen posúa o título poida asinar os proxectos informáticos (afirmación coa que coincide máis do 90% dos enquisados).

As competencias que consideran máis importantes para o desempeño do seu traballo son a capacidade de aprendizaxe e a adaptabilidade. Destaca que o nivel de satisfacción coa formación recibida na Universidade é de 3,37 puntos sobre 5. A principal motivación para realizar os estudos foi a vocación no caso dos homes (56,03%) e as saídas laborais no das mulleres (55,56%).

A idade dos enquisados está comprendida maioritariamente entre os 30 e os 42 anos, e a idade media é de preto de 37 anos. Destaca a porcentaxe de homes: 72,31 % do total, fronte a un 27,69 por cento de  mulleres.

Datos específicos da Enxeñaría de ciclo longo

Dentro da análise desagregada dos colexiados do CPEIG (colexio que reúne os titulados na Enxeñaría en Informática de ciclo longo), a ocupación acada o 90,77% do total. Máis da metade das enxeñeiras e enxeñeiros en Informática acceden ao mercado laboral antes de rematar os estudos, principalmente no quinto curso. 

Atopan o primeiro emprego ao cabo dunha media de 2,46 meses desde que comeza a busca do mesmo e na súa traxectoria profesional levan traballando nunha media de 3,18 empresas diferentes. A maioría (79,49%) traballa por conta allea, preferentemente nunha empresa do sector privado pertencente ao eido das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC).

Universo do estudo

O informe global sobre a situación laboral das Enxeñarías en Informática realizouse, a través de Internet, a partir dun total de 494 enquisas, 341 dos enquisados son colexiados do CPEIG e o resto, do CPETIG.