O Windows XP resístese a pasar o relevo a Vista

Fonte: Código Cero.

Logotipo de MicrosoftOs linuxeiros e maqueiros normalmente defenden con unllas e dentes os seus sistemas operativos, o que non era moi habitual co Windows ata que Microsoft anunciou que ía retirar o XP en favor de Vista, polo que agora aparecen distintas iniciativas na Internet para pedir que este verán non sexa o fin do Windows XP, e se prorrogue a vida dun sistema operativo moi consolidado ante as reticencias dos usuarios a cambiar a unha nova versión que aínda non parece estar madura.

Microsoft continúa a intentar persuadir aos usuarios de XP de migraren a Vista, pero os requisitos de hardware ou as incompatibilidades con algúns programas, así como as irritantes advertencias de seguridade de Vista (que dende Microsoft admiten ter engadido conscientemente, para forzar aos desenvolvedores de software a facer as súas aplicacións máis seguras), supoñen todo un atranco para que Microsoft poida soltar lastre, deixando de lado un sistema operativo que continúa a ser o máis usado a nivel mundial.

Entre os usuarios que se resisten a deixar XP destaca o xornalista tecnolóxico Galen Gruman, quen iniciou unha petición en liña para que Microsoft manteña o XP e conseguiu máis de 100.000 adhesións dende xaneiro. Piden que o Windows XP se continúe a vender ata 2010, cando se agarda que chegue Windows 7.

Dende IDC estiman que a finais de ano o 60% dos equipos domésticos aínda funcionarán con XP, proporción aínda maior se falamos de empresas, nas que o veterano sistema operativo continuará a estar presente en preto do 70% dos ordenadores.

Lembremos que o soporte de Windows XP rematará en abril de 2009 (que continuaría de xeito limitado ata 2014) polo que todas as prórrogas que poida facer Microsoft serán benvidas no sector corporativo.