A Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia amosa a boa saúde do Sector das Tecnoloxías da Información

  • O presidente do CPEIG destaca que Galicia está á cabeza do Estado no eido TI.
  • Entregáronse os premios anuais que recoñecen o talento de profesionais e empresas.

VI Noite premiados escaleira

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2014.- A Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), tivo lugar esta noite coa participación das persoas colexiadas, empresariado, profesionais e autoridades das distintas administracións ata sumar máis de 250 persoas. O Hotel-Monumento San Francisco foi o escenario no que se desenvolveu o encontro do CPEIG, no que actuou como mestre de cerimonias Rober Bodegas.

No discurso que pronunciou o presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, destacou que o sector das tecnoloxías da información galego está “á cabeza do Estado”. De feito, o número de empresas do sector en Galicia superou as 2.000, cun crecemento superior ao 15% desde 2010 e, na actualidade, emprega a máis de quince mil traballadores. Esas cifras sitúan a Galicia como a quinta comunidade de España con maior número de firmas tecnolóxicas.

Suárez Lorenzo fixo fincapé, asemade, en que nunha economía do coñecemento os recursos máis importantes son as persoas con talento. Nese sentido, referiuse aos presentes na gala como exemplo desa calidade.

Entre outras autoridades, estiveron presentes presidentes doutros colexios autonómicos de Enxeñaría en Informática, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira.

Premios do CPEIG

A continuación, amósase a listaxe de premiados na sexta edición da Noite:

  • Premio Iniciativa Emprendedora: Torus Software (Torusware).
  • Premio Proxecto Fin de Carreira: Adrián Pérez Diéguez.
  • Premio Iniciativa Empresarial: Igalia.
  • Premio e-Inclusión: TADEGa. Asociación sen ánimo de lucro constituída por profesionais da educación galega que se centran na atención á diversidade.
  • Premio Ada Byron: Bertha Guijarro Berdiñas. Vicecoordinadora-responsable científica do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da UDC.
  • Mención especial para o Centro de Supercomputación de Galicia S.A (CESGA) polos seus 20 anos de traxectoria.
  • Premio Iniciativa da Administración: GAIN (Axencia Galega para a Innovación).
  • Premio Traxectoria Profesional: Francisco García Morán, conselleiro xefe en TIC da Comisión Europea.
  • Colexiados de Honra: Domingo Molina Moscoso e Jacinto Canales de Caso.
    • Domingo Molina Moscoso, é director de Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) da Administración do Estado. 
    • Jacinto Canales de Caso é presidente do Consello de Colexios de Enxeñaría en Informática, máximo órgano de representación da profesión en España.

O CPEIG quere agradecer a colaboración dos patrocinadores da Noite da Enxeñaría en Informática que, este ano, baten marcas anteriores ata chegar a preto de 40 empresas ou institucións que apoian o evento do CPEIG.

  • Patrocinadores Ouro: Altia, Amtega, Bahía Software, Emetel, Everis, HP-Intel,Indra, Plexus, R, Retegal e Telefónica.
  • Patrocinadores Prata: Acuntia, Atos, Avaya, Balidea, Cisco, Concello de Santiago, Coremain, Deputación da Coruña, Deputación de Pontevedra, Ednom, Epson, Esri, Fortinet, Imatia, Inforhouse, Intel, Inycom, Kaspersky, La Caixa, Oesía, Oracle, Sdweb, Secretaría Xeral de Igualdade, Secretaría Xeral de Política Lingüística, Tecnocom e Vodafone.