O pontevedrés Adrián Pérez Diéguez, gañador do Premio Proxecto Fin de Carreira do CPEIG

Recibirá 1.000 euros o vindeiro venres, día 13, na Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia

Adrián Pérez Diéguez

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2014.- O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de fallar o Premio Proxecto Fin de Carreira, que nesta sexta edición da Noite da Enxeñaría en Informática distingue a Adrián Pérez Diéguez ( Pontevedra, 1990), quen presentou o proxecto Programación de Algoritmos de Redución nunha GPU.

En palabras do propio gañador, o traballo premiado responde a que “as tarxetas gráficas acadaron na actualidade un gran poder computacional, e estanse a utilizar para facer complexos cálculos científicos a moita máis velocidade ca dun procesador. Neste proxecto desenvolvemos unha librería matemática, moi utilizada por exemplo en simulacións de ciencias físicas e bursátiles, obtendo un rendemento moito maior cás librerías comerciais xa existentes para este tipo de hardware”.

Currículo brillante

Adrián Pérez estudou o Bacharelato no IES Sánchez Cantón de Pontevedra cunha media de 9.6, e recibiu premios de Excelencia Académica do propio instituto, da Xunta de Galicia, do Concello de Pontevedra e unha mención especial da USC. No 2008 entrou na Facultade de Informática da Coruña a estudar Enxeñería Informática, e cursou o 2011/2012 en Göteborg (Suecia) de Erasmus, nunha universidade de alto nivel tecnolóxico: a Chalmers University of Technology. Rematou a carreira no ano 2013 cunha media aproximada de 9, conseguindo Matrícula de Honra (10) no proxecto fin de carreira.

O proxecto premiado polo CPEIG foi ademais gañador do segundo premio no 13º Concurso de Proxectos Tecnolóxicos Expourense para a Euro-Rexión Galicia - Norte de Portugal. Na actualidade (ano académico 2013-2014), Adrián Pérez está a piques de rematar o máster interuniversitario de Computación de Altas Prestacións que se imparte entre a USC e a UDC. No ámbito profesional, leva traballando para o Grupo de Arquitectura de Computadores (GAC) da UDC dende o 2013 onde investiga sobre tarxetas gráficas e algoritmos paralelos.

O Premio Proxecto Fin de Carreira está dotado con 1.000 euros. Mediante o galardón, o ente colexial busca achegarse ao colectivo máis novo de enxeñeiros e defender as vantaxes da colexiación, ademais de estimular o traballo dos estudantes de Enxeñaría en Informática.

Xurado

O xurado que premiou o traballo de Adrián Pérez estivo formado por Antonio Mosquera, director da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC; Luis Hervella, decano da Facultade de Informática da UDC; Ana Garriga, directora da Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo; Juan Otero, vicepresidente do CPEIG; Juan José González, secretario do mesmo colexio, e Fernando Suárez, presidente do CPEIG.

O galardoado recibirá o premio o vindeiro día 13 no Hotel-Monumento San Francisco, en Santiago de Compostela, na sexta edición da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia. O evento representa un punto de encontro entre todos os colexiados e conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos.

Sobre o CPEIG

O CPEIG é un dos colexios profesionais máis activos na defensa dos intereses dos seus colexiados. Con sede en Santiago de Compostela, na actualidade conta con máis de 350 persoas colexiadas.