O CPEIG distingue á Axencia Galega de Innovación co Premio Iniciativa da Administración

A Enxeñaría en Informática recoñece o fomento da investigación e o desenvolvemento tecnolóxico do departamento da Xunta de Galicia

Logo CPEIG

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2014.- O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática (CPEIG) recoñecerá o vindeiro día 13 de xuño, na sexta edición da Noite da Enxeñaría en Informática, á Axencia Galega de Innovación (GAIN) co galardón Iniciativa da Administración. A distinción únese aos outros premiados dentro dos galardóns que concede anualmente o ente colexial.

A innovación potenciada por GAIN, mediante o fomento da investigación e do desenvolvemento tecnolóxico, mereceu o recoñecemento das enxeñeiras e enxeñeiros informáticos de Galicia. Dentro das iniciativas postas en marcha pola axencia, destaca a elaboración da estratexia RIS3 en Galicia, condición previa para a aprobación dos próximos programas operativos de fondos estruturais e a dispoñibilidade de fondos no período 2014/2020.

GAIN é a entidade da Xunta de Galicia responsable de apoiar as empresas galegas para seren máis competitivas e para impulsar o seu crecemento sobre “bases sólidas e sustentables no tempo, mediante a innovación e un espírito empresarial creativo”.

Sobre o CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) é un dos colexios profesionais máis activos na defensa dos intereses dos seus colexiados. Constituído en decembro de 2007 e con sede en Santiago de Compostela, na actualidade conta con máis de 350 persoas colexiadas.