O CPEIG clausura o primeiro Obradoiro de Scratch cunha entrega de diplomas

Tralo éxito acadado, prevé organizar máis seminarios de programación para nenos

Bertha Guijarro

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) clausurou o pasado día 28 de maio  o primeiro obradoiro de Scratch organizado pola entidade, en colaboración co CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información). Asistiron o asesor da Subdirección Xeral de Ordenación, Innovación e Formación do Profesorado da Xunta de Galicia, Raúl Hidalgo Cortijo, e o presidente do ente colexial, Fernando Suárez. O curso pechouse cunha entrega de diplomas que tivo lugar nas instalacións da ETSE (Escola Técnica Superior de Enxeñaría, USC), onde tamén se desenvolveu o obradoiro.

Un total de 15 rapaces de entre 10 e 14 anos de idade  formáronse da man de Daniel Varela na linguaxe de programación, e 15 máis quedaron en listaxe de agardar. Despois do éxito deste primeiro obradoiro, o CPEIG prevé organizar máis accións dirixidas aos rapaces e rapazas.

O Scratch é unha linguaxe de programación e unha comunidade en liña orientada á xente nova, onde a rapazada pode programar e compartir medios interactivos, historias, xogos e animacións con outros mozos e mozas. O Scratch axuda a pensar creativamente, a razoar e a traballar en colaboración. 

Contidos 

O CPEIG presentou este obradoiro coma unha aventura gráfica, co obxectivo de que os rapaces programasen unha fase por cada clase. Cada unha destas fases situouse nunha cidade ou nunha vila de Galicia distinta, cunha historia, lenda ou parte da cultura particular desa zona. Cada alumno dispuxo dun ordenador para o seguimento do obradoiro.

Paralelamente, o curso contou cun blog (Cativos Coding), no que tanto os rapaces coma os seus pais puideron seguir os contidos fóra do horario da clase.