O CPEIG uniuse á homenaxe a Romay Beccaría impulsada por Unión Profesional de Galicia

Recoñecemento ao presidente do Consello do Estado polo seu apoio aos colexios profesionais.

Homenaxe Romay Beccaria

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2014.- O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG)participou a pasada fin de semana na homenaxe que lle tributou a Unión Profesional de Galicia a José Manuel Romay Beccaría, presidente do Consello do Estado, en Santiago de Compostela.

O CPEIG, integrado na Unión Profesional de Galicia xunto con outros 42 colexios profesionais e 60.000 profesionais colexiados, participou na homenaxe, que serviu para agradecerlle a Romay Beccaría o apoio dado ao sector profesional nos últimos anos.

Entre outras personalidades, acudiron ao evento o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas; o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde; o presidente de Previsión Sanitaria Nacional, Miguel Carrero; e o presidente de Unión Profesional de Galicia, José María Arrojo Fernández. En representación do CPEIG, asistiu o seu presidente, Fernando Suárez.

Os colexios, necesarios e imprescindibles

Arrojo agradeceulle ao homenaxeado o apoio dado aos colexios profesionais ao longo da súa traxectoria. “Prestamos un servizo público aos cidadáns”, explicou o presidente de Unión Profesional de Galicia, quen dixo dos colexios que estes son “necesarios e imprescindibles”. O presidente de Unión Profesional de Galicia amosou a súa preocupación pola futura Lei de Colexios e Servizos Profesionais, que implica unha liberación de servizos e limita e recorta a independencia destes entes.

Pola súa banda, as palabras que pronunciou Romay no evento tiveron unha ampla difusión nos medios de comunicación. Entre outros comentarios, sinalou que “en España quen a fai, págaa; sexa quen sexa e caia quen caia”, en referencia aos casos de políticos presuntamente metidos en casos de corrupción