Xesús Vázquez Abad asiste á charla “Navega con rumbo polo ciberespazo” no IES Poeta Añón de Outes

A Consellería de Cultura e Educación participa na cuarta edición deste programa de concienciación que realiza 220 accións nos centros Abalar, e que se desenvolven en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia

Logo CPEIG

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2014.-O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu hoxe pola maña á charla “Navega con rumbo polo ciberespazo”, realizada no IES Poeta Añón, en Outes, para apoiar coa súa presenza o uso responsable e útil das novas tecnoloxías por parte dos estudantes. O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia estivo acompañado pola delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo; polo presidente do Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez Lorenzo; polo director do centro, Daniel Losada Andreu; e polo responsable do relatorio de hoxe, Mario Barcala.

 

Esta actividades están incluídas nas 220 accións que a Consellería realiza a través da cuarta edición do programa “Navega con rumbo”, desenvolvido conxuntamente co Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia, e destinado a todos os centros Abalar da Comunidade. O obxectivo é guiar aos escolares cara unha navegación segura, tratando de evitar así que sexan vítimas de condutas como o ciberacoso.

 

O centro

 

Durante a xornada de hoxe, no IES do concello coruñés, un especialista do CPEIG foi o encargado de impartir a charla divulgativa durante unha hora, do mesmo xeito que fan compañeiros seus no resto de centros educativos participantes. O relatorio ten como obxectivo ensinar aos escolares a navegar por Internet dun xeito útil e responsable previndo, ademais do ciberacoso, a dependencia das novas tecnoloxías. Do mesmo xeito, o programa “Navega con Rumbo” tamén fará partícipe das recomendacións a profesores e pais e nais, para que eles mesmos poidan chegar a transmitir esas boas condutas aos rapaces e rapazas.

 

A todos os membros da comunidade educativo do IES Poeta Añón dirixiuse hoxe o conselleiro recordando a importancia de saber cales son os contidos que se ofrecen a través das redes sociais así como as precaucións que é preciso ter. Así Vázquez Abad sinalou que “como estudantes de 3º e 4º da ESO, sodes nativos dixitais. Para vós, as novas tecnoloxías da información e a comunicación non son novas, porque sempre vivistes con elas. Pero a nós, como adultos, correspóndenos poñervos sobre aviso e ensinarvos a facer un uso responsable e seguro do que é, sen dúbida, o medio de comunicación máis importante da historia, unha ferramenta que cambiou xa o noso xeito de comunicarnos”. Ademais o conselleiro agradeceu ao CPEIG, representado polos eu presidente, a súa implicación e o labor desenvolvido pola súa entidade.

 

Este instituto, no que estudan preto de douscentos alumnas e alumnos forma parte do programa Abalar desde o 2010, e a través do mesmo do Plan de Mellora de Bibliotecas e de outras intervencións de mellora realizadas nos últimos anos a Consellería leva investido preto de 240.000 euros os últimos anos.

 

O programa

 

Asemade, o programa esta apoiado polas Guías de Boas Prácticas elaboradas polo CPEIG, dirixidas tanto ao alumnado coma ás familias e ao profesorado, que se poderán descargar en formato electrónico na web do programa www.navegaconrumbo.es, na que tamén estarán a disposición da comunidade educativa xogos e ligazóns de interese sobre a temática do programa.

 

Esta é a cuarta edición de “Navega con Rumbo” tras a súa posta en marcha hai tres anos. Na primeira edición déronse 90 sesións informativas en centros educativos de Galicia, e no curso 2011/12 chegaron a preto de 140. No pasado curso a cifra elevouse a 200 e, nesta cuarta edición, pertencente ao ano académico 2013/2014 serán 220 accións e outros tantos os centros educativos beneficiados.

 

Así, dende hai catro anos a Consellería de Cultura e Educación aposta por unha maior difusión do Proxecto Abalar coa posta en marcha desta iniciativa complementaria dirixida a pais, alumnos e profesores, co obxectivo de ampliar as actividades previstas no proxecto Abalar, que permiten á comunidade educativa aproveitar ao máximo os recursos dispoñibles ao seu alcance.