As empresas galegas de alta tecnoloxía empregan a 71.900 persoas

A cifra de negocios dos sectores manufactureiros de tecnoloxía alta e media alta de Galiza superou os 10.622 millóns de euros en 2006.

Logotipo de INE

O número de persoas ocupadas nos sectores da alta tecnoloxía en Galiza ascendeu no ano 2006 a 71.900 persoas, o que representa o 6,2% da poboación ocupada, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE).

Por sectores, o número de ocupados nos sectores manufactureiros de tecnoloxía alta ascendeu a 7.200 persoas, os de tecnoloxía media-alta empregaron a 43.900 mentres que os servizos de alta tecnoloxía, deron emprego a 20.800 persoas.

A cifra de negocios dos sectores manufactureiros de tecnoloxía alta e media alta de Galiza superou os 10.622 millóns de euros no ano 2006, o que supón un incremento do 18,7% respecto ao ano 2005.

Galicia é a sexta autonomía con máis traballadores de alta tecnoloxía

No conxunto do Estado, os sectores de alta tecnoloxía empregaron a 1.449.100 persoas no ano 2006, o que supón o 7,3% do total dos ocupados da economía estatal. A porcentaxe de mulleres empregadas neste sector foi do 25,7%.

As autonomías que tiveron o maior número de ocupados no conxunto dos sectores de alta tecnoloxía foron Cataluña e Madrid con 386.100 (11,3% da poboación ocupada) e 291.800 (9,8% da poboación ocupada) persoas, respectivamente.

A estas comunidades séguelles Valencia (132.200 persoas), o País Vasco (124.300), Andalucía (123.100), Galiza (71.900), Castela e León (66.500), Aragón (60.900), Navarra (34.600), Castela-A Mancha (32.000) e Murcia (27.000). Isto sitúa a Galiza, en termos absolutos, como a sexta autonomía con máis traballadores nun sector estratéxico de alto contido tecnolóxico.