Forte aumento das empresas tecnolóxicas ligadas a universidades

A nova LOU permite que os profesores das universidades públicas sexan directivos de empresas de investigación.

Segundo os datos facilitados polo Ministerio de Educación y Ciencia, as empresas tecnolóxicas que xorden con fondos públicos e pola investigación que se realiza nas universidades (spin-offs) medraron un 62% en 2006 até sumar 146 compañías, fronte as 18 novas empresas creadas en 2005. Estes datos de evolución fan pensar ao Goberno que se cumprirá o obxectivo de que estas empresas representen o 2,2% do Produto Interior Bruto (PIB) no ano 2011.

Durante 2006 foron 32 as universidades as que crearon polo menos unha destas spin-off, fronte ás 10 de que o fixeron en 2001. Entre as empresas creadas destaca o sector da informática, con 270 novas empresas até 2006, seguidas do I+D con 92, a Química con 87 e a Biotecnoloxía con 47.

As compañías de base tecnolóxica obtiveron uns ingresos pola explotación de licenzas de 2,4 millóns de euros en 2006 fronte aos 1,6 millóns conseguidos un ano antes, segundo a Red de Oficinas de Transferencia de Resultados de Investigación (OTRI).

Co obxectivo de impulsar a creación de empresas de investigación desde as universidades, o Goberno español xa permite, trala última modificación da Lei Orgánica de Universidades que entrou en vigor o 3 de maio de 2007, que os catedráticos traballen en proxectos propios, financiados polo Goberno durante cinco anos, sen perder o seu posto.

Os docentes universitarios poden participar no accionariado das empresas de investigación con máis do 10%, límite imposto antes da modificación. Este investimento só está permitido en empresas de base tecnolóxica. O Goberno afirma que con esta medida tamén se persegue que as universidades obteñan os seus propios ingresos e dependan menos da Administración Pública.

Coa inclusión, na LOU, da transferencia de coñecemento como función e obxectivo da universidade, refórzase, segundo o Goberno, o seu "deber de cooperación" co sector produtivo. A LOU inclúe a transferencia de coñecemento como criterio relevante para avaliar resultados e méritos dos investigadores públicos e incorpora o desenvolvemento tecnolóxico e a transferencia de coñecemento como actividades con retribución adicional.