Preto de 250 persoas compartiron o pasado venres a Noite da Enxeñaría en Informática

O colexio entregou os seus galardóns anuais baixo a presidencia de Alberto Núñez Feijoo

Logo CPEIG

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2013.- Preto de 250 persoas, entre colexiados, representantes do sector TI galego e autoridades, compartiron o pasado venres a quinta edición da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, celebrada no Hotel Monumento San Francisco, na capital de Galicia. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, presidiu o evento, no que, un ano máis, se puxo de manifesto a relevancia da profesión da Enxeñaría en Informática na sociedade actual

O acto comezou cun cóctel de benvida para recibir os asistentes, seguido da entrega de premios, presentada e amenizada polo mentalista Javier Luxor, e da cea. Como broche final, Luxor pechou a Noite cun espectáculo de mentalismo que non deixou indiferente a ninguén.

Tras un breve discurso de benvida por parte do presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, deu comezo a entrega de premios, coa participación de autoridades e de representantes das empresas patrocinadoras Ouro. Nesta edición, os galardóns incluíron unha mención especial que se uniu ás modalidades habituais. Así, a entrega de premios desenvolveuse do seguinte xeito:

  • Premio Proxecto Fin de Carreira: Alberto Jaspe Villanueva recolleu estatuíña, diploma e cheque de 1.000 euros, que lle foron entregados por Mar Pereira, directora de Amtega, o director xeral de Emetel, Manuel Lago, e o secretario do CPEIG, Juan José González Cid, respectivamente. O galardón foille concedido a este enxeñeiro en informática coruñés polo traballo Point Cloud Manager. Sistema multirresolución para o tratamento de grandes datasets de nubes de puntos 3D.
  • Premio Traxectoria Profesional: Roberto Baratta (Ourense, 1970), enxeñeiro informático, responsable de seguridade de Novagalicia Banco e CISO do ano 2012. Desempeñou varios postos: responsable de Xestión Interna e identidades, director de Operación Seguridade Informática, IT Security Officier e administrador de sistemas, entre outros. O galardón representa a aposta do CPEIG por que sexan as enxeñeiras e enxeñeiros en informática os responsables da seguridade tecnolóxica. Baratta recibiu o galardón e o diploma de mans de Antonio Agrasar, conselleiro delegado de Plexus e de Juan Otero Pombo, vicepresidente do CPEIG.
  • Premio Iniciativa da Administración: Deputación de Pontevedra. Co obxectivo de garantirlles servizos de xestión e atención de calidade aos cidadáns, concellos e empresas, o organismo provincial comezou xa en 2008 un proceso de modernización tecnolóxica no que se enmarcan diversas accións que melloran a calidade de vida da poboación a través do uso das novas tecnoloxías. O vicepresidente da Deputación, José Crespo, recolleu galardón e diploma, que lle foron entregados polo secretario do Consejo de Colegios de Ingeniería Informática de España, Juan Pablo Peñarrubia, e por Manuel Gómez, director en Bahía Software.
  • Premio Ada Byron: Susana Ladra, enxeñeira e doutora en Informática pola Universidade da Coruña. Actualmente é profesora contratada doutora na Facultade de Informática da UdC e vicedecana de Organización Académica. Foi galardoada co Primeiro Premio Nacional de Fin de Carreira de Enxeñaría Informática do Ministerio de Educación, co Premio Extraordinario de Doutoramento da Universidade da Coruña e co Premio á mellor tese doutoral no campo da Recuperación da Información. Nos últimos anos, vén desenvolvendo unha intensa actividade investigadora. A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e o director xeral de Indra para Europa, España e Portugal, Santiago Roura Lama, fixeron entrega da estatuíña e o diploma.
  • Premio Iniciativa Empresarial: SetPay (http://getsetpay.com/). Solución que se basea nos cobros con tarxeta desde o dispositivo móbil. É o único sistema en España que emprega validación con PIN. SetPay naceu en xaneiro de 2012 e ten a sede en Compostela, desde onde desenvolve as súas solucións, presta servizo e dá soporte a toda España. Os fundadores son Xavier Martínez Cobas, profesor universitario de Económicas, e os informáticos Xoán González Díaz e David Pombar Lourido, que recolleron o galardón e os diplomas de mans do director de Telefónica en Galicia, Manuel Alonso, e do socio director de Everis, Jesús Lage.
  • Premio Iniciativa Emprendedora: Proxecto “Rede de escolas na nube”, baseada no emprego das TIC por mestres e mestras nunha contorna rural dispersa con cativos de entre 3 e 7 anos (https://www.facebook.com/RedeDeEscolasNaNube) Vai orientado a proporcionar servizos de computación cloud para mellorar a aprendizaxe e a colaboración na escola rural. O proxecto está coordinado polo CESGA coa participación de Balidea Consulting&Programming. Colaboran na iniciativa a Consellería de Educación e Amtega. O galardón foi recollido polas directoras dos CRA de Boqueixón-Vedra, Amencer de Ribadavia, Nosa Señora do Faro de Ponteceso, e de Vilaboa-Pontevedra. O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, e o director técnico de HP Andrés García-Rodeja fixeron entrega do galardón e o diploma.
  • Mención especial para a Asociación PuntoGal: pola recente consecución do dominio .gal. Para o CPEIG o dominio .gal representa un decidido impulso para a difusión e coñecemento da lingua e cultura de Galicia. PuntoGal é unha iniciativa que durante máis de sete anos traballou co obxectivo de conseguir un dominio propio en internet e, a través del, unha maior visibilidade e presenza do pobo galego na rede e no mundo. Conseguiu máis de 12.000 apoios cidadáns e a adhesión de máis de 110 entidades. O ICANN aprobou o dominio o pasado 14 de xuño. Alberto Núñez Feijoo, xunto co presidente de Altia, Constantino Fernández, entregoulle o galardón ao presidente da Asociación PuntoGal, Manuel González.

A entrega de premios finalizou co discurso do presidente da Xunta, no que loou o labor de cada unha das persoas e os proxectos premiados e destacou a relevancia da Enxeñaría en Informática en aspectos vitais para a sociedade actual.