O coruñés Alberto Jaspe gaña o Premio Proxecto Fin de Carreira do CPEIG, dotado con 1.000 euros

Alberto Núñez Feijóo presidirá este venres, día 4, a Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, un evento no que o colexio entregará os seus premios anuais

Alberto Jaspe, Premio PFC 2013

Santiago de Compostela, 30 de septembro de 2013.- O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de fallar o Premio Proxecto Fin de Carreira, que recaeu en Alberto Jaspe Villanueva (A Coruña, 1981), co traballo que leva por título Point Cloud Manager. Sistema multirresolución para o tratamento de grandes datasets de nubes de puntos 3D.

O galardoado recibirá o premio este venres, día 4, no Hotel-Monumento San Francisco, en Santiago de Compostela, na quinta edición da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia. O acto de entrega dos premios anuais do CPEIG estará presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. A gala representa un punto de encontro entre todos os colexiados e conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos.

Alberto Jaspe, que estudou na Universidade da Coruña Enxeñaría en Informática, traballa na actualidade en Italia. Ten 10 anos de experiencia profesional como desenvolvedor e investigador no campo de gráficos de computación. Durante 8 anos traballou na UDC como investigador e, posteriormente, no departamento de I+D da empresa coruñesa de audiovisuais CEGA por espazo de dous anos. Na actualidade, con financiamento dunha bolsa europea Marie Curie, reside desde febreiro en Cerdeña (Italia), onde  traballa no centro de investigación CRS4 e fai a súa tese doutoral.

O traballo premiado, Point Cloud Manager. Sistema multirresolución para o tratamento de grandes datasets de nubes de puntos 3D responde a que as nubes de puntos cada vez son máis utilizadas en múltiples disciplinas, como a enxeñaría civil, arquitectura, topografía ou efectos especiais e animación 3D. O proxecto, que continúa en desenvolvemento, xa recolleu varios premios e recoñecementos, o que, en opinión do CPEIG,  amosa o enorme potencial dos titulados galegos e a proxección da súa formación a nivel nacional e internacional. Alberto Jaspe tivo como titores do proxecto premiado aos profesores Emilio J. Padrón e Javier Taibo.

O Premio Proxecto Fin de Carreira, que este ano chegou á súa cuarta edición, está dotado con 1.000 euros. Mediante o galardón, o ente colexial busca achegarse ao colectivo máis novo de enxeñeiros e defender as vantaxes da colexiación, ademais de estimular o traballo dos estudantes de Enxeñaría en Informática. 

O xurado que premiou o traballo de Alberto Jaspe estivo formado por Antonio Mosquera, director da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC; Luis  Hervella, decano da Facultade de Informática da UDC; Ana Garriga, directora da  Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo (substituída por Francisco Rodríguez, subdirector e vogal do CPEIG); Juan Otero, vicepresidente do CPEIG; Juan José González, secretario do mesmo colexio e Fernando Suárez, presidente do CPEIG.

SOBRE O CPEIG

O CPEIG é un dos colexios profesionais máis activos na defensa dos intereses dos seus colexiados. Con sede en Santiago de Compostela, na actualidade conta con preto de 350 persoas colexiadas.