PEMES e Autónomos galegos recibirán asesoramento tecnolóxico da man do CPEIG e Amtega

A iniciativa preséntouse hoxe no Centro Demostrador TIC en Santiago. Está dirixida a todos os autónomos e ás empresas dos sectores da agroalimentación, a construción, mar e acuicultura.

foto presentación programa asesores TIC entre Amtega e CPEIG

Santiago, 26 de setembro de 2013.- O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) poñen en marcha o Programa de Asesores TIC, para prestar apoio gratuíto ás pequenas e medianas empresas galegas no seu proceso de mellora tecnolóxica. A iniciativa está dirixida a negocios dos sectores da agroalimentación, mar e acuicultura e construción, así como a autónomos que teñan previsto implantar algunha solución TIC no prazo dun ano a partir do comezo do programa.

O asesoramento será desenvolvido por profesionais con formación en Enxeñaría en Informática que axudarán ás empresas a definir as súas necesidades tecnolóxicas en función do seu modelo de negocio para que adopten aquelas que poidan mellorar a súa eficiencia e produtividade. Nesta selección, os asesores tecnolóxicos primarán as solucións baseadas en software libre e e titorizarán a implantación de solucións TIC.

Plan Director TIC gratuíto

As empresas seleccionadas para participar no programa disporán de asesoramento no eido TIC de alta calidade e obterán un Plan Director TIC con custo cero, que servirá como folla de ruta para a implantación de melloras tecnolóxicas, suxerir as correccións precisas nos aspectos organizativos e dirixir a entidade cara o modelo máis axeitado.

Para a elaboración do Plan, os asesores TIC visitarán as instalacións de cada empresa e realizarán unha análise detallada dos procesos de negocio e ferramentas TIC que están a a empregar. Deste xeito, os profesionais do programa detectarán in situ as necesidades máis importantes para establecer prioridades na implantación de ferramentas TIC. O Plan inclúe tamén unha análise DAFO da empresa e unha relación das solucións TIC máis axeitadas en cada caso.

Xornada Informativa

As empresas que cumpran os requisitos para participar no programa obtiveron máis información na xornada de presentación organizada polo o CPEIG e Amtega e que se celebrou esta mañá en Santiago de Compostela. Os asistentes ao encontro coñeceron os obxectivos da iniciativa, a relevancia das novas tecnoloxías nas Pemes como vantaxe competitiva, e as vantaxes do software libre. Ademais, recibiron un cuestionario para avaliar a súa madurez tecnolóxica, que servirá tamén para realizar a selección das empresas beneficiarias do programa.

Coa posta en marcha desta iniciativa, CPEIG e Amtega queren apoiar e impulsar a produtividade dentro das empresas galegas a través das TIC, como vía fundamental para sentar as bases da xeración de riqueza, emprego e arraigo da poboación no territorio. Para ambas entidades, as TIC, xunto a I+D+i, son eidos básicos para a recuperación da competitividade e para potenciar o avance cara a denominada Sociedade do Coñecemento.