O CPEIG recoñece a aposta da Deputación de Pontevedra polas novas tecnoloxías

O galardón Iniciativa da Administración premia o uso das TIC para garantirlles servizos e atención de calidade á cidadanía

Logo Deputación Pontevedra

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2013.-  A Deputación de Pontevedra resultou merecente do premio Iniciativa da Administración outorgado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). Recoñécese así a aposta que está a facer a institución provincial polo uso das novas tecnoloxías para garantirlles a cidadáns, concellos e empresas a maior calidade nos servizos de xestión e na atención. A entrega do galardón terá lugar durante a celebración da quinta edición da Noite da Enxeñaría en Informática, prevista para o vindeiro 4 de outubro en Santiago. 

A Deputación de Pontevedra comezou xa en 2008 un proceso de modernización cunha clara aposta pola administración electrónica. A posta en marcha do proxecto REPOBLAR (Rede Pontevedra de Banda Larga), vivas onde vivas, sempre conectados, que achega a conexión á Internet a través de banda larga a todos os cidadáns da provincia, marcou o punto de partida para a creación de novos servizos e iniciativas tecnolóxicas que melloran a calidade de vida da poboación.

PROXECTOS

Nesta liña de acción cómpre destacar o proxecto eDepo, a administración nun CLICK, no que se enmarcan o Centro de Proceso de Datos Unificado, a multiplataforma de eServizos, o Boletín Oficial da Provincia en formato electrónico, a plataforma de xestión de contidos e a dixitalización do fondo documental, gráfico, sonoro e audiovisual do Arquivo Provincial e dos concellos de Pontevedra.

O proxecto depoTIC: a tecnoloxía nas túas mans é outro exemplo da aposta tecnolóxica da Deputación. Ao abeiro deste proxecto desenvolvéronse o Centro Provincial de Asesoramento Municipal 2.0; o Centro Provincial de Asesoramento Empresarial 2.0; o Centro Comercial Virtual da provincia e modelo de comercio electrónico para Pemes; as oficinas de tramitación, dinamización e accesibilidade electrónica e a ampliación do centro de coñecemento avanzado para a explotación do patrimonio documental e bibliográfico. A iniciativa estase a utilizar tamén para a potenciación dos servizos sociais a través das novas tecnoloxías. 

DepoGAP Xestión de Activos Provinciais, Viñas Atlánticas, a Oficina Virtual Tributaria, IDEPo (Infraestrutura de Datos Espaciais da provincia de Pontevedra) e Smart Destinations veñen completar o esforzo feito nos últimos anos por parte da Deputación de Pontevedra para achegarlle a Administración á cidadanía e favorecer o acceso social ás novas tecnoloxías, obxectivo no que segue a traballar.

SOBRE O CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) é un dos colexios profesionais máis activos na defensa dos intereses dos seus colexiados. Constituído en decembro de 2007 e con sede en Santiago de Compostela, na actualidade conta con máis de 350 persoas colexiadas.