Os Colexios de Enxeñaría e Enxeñaría Técnica Informática unen esforzos para reivindicar as súas titulacións perante o SERGAS

CPEIG e CPETIG denuncian que, para acceder á categoría de técnico especialista de sistemas e tecnoloxía da información, o Servizo Galego de Saúde Pública require FP2 e exclúe os titulados en Informática

Logotipo CPEIG

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2013.- O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) veñen de remitirlle unha carta á xerente do Sergas, María Nieves Domínguez González, na que unen esforzos para reivindicar que se valore e puntúe a posesión dunha das titulacións que representan en calquera trámite de persoal ligado ás categorías de técnico superior de sistemas e tecnoloxías da información e técnico de xestión de sistemas e tecnoloxías da información.

Recentemente, o Sergas fixo públicos os requisitos de titulación esixidos ás persoas interesadas na inscrición nas listas de aspirantes para nomeamentos temporais nas categorías antes mencionadas. Nesa convocatoria, o Sergas non recoñece as titulacións ligadas á  enxeñaría informática ni á enxeñaría técnica en informática como un feito diferenciador respecto doutras.

En concreto, para o acceso á categoría de técnico especialista de sistemas e tecnoloxías da información, desde o Servizo Galego de Saúde  Pública pídese como requisito a titulación de FP2 ou equivalente na rama informática, e non se lles permite o acceso a esta escala nin aos titulados en enxeñaría informática nin aos titulados en enxeñaría técnica en informática.

Reivindicación

A demanda de CPETIG e CPEIG céntranse en que “calquera trámite de persoal ligado ás categorías de técnico superior de sistemas e tecnoloxías da información, e de técnico de xestión de sistemas e tecnoloxías da información se valore e puntúe a posesión dunha das titulacións  que habilitan para o desenvolvemento da profesión de enxeñaría e enxeñaría técnica en informática, respectivamente”.

Mediante a carta rubricada polos presidentes dos dous colexios -Fernando Suárez no caso do CPEIG e Marcos Jaime Mata no caso do CPETIG-, os colexiados reivindican a dignificación das súas profesións e erguen a voz contra o que consideran un trato discriminatorio.

Garantes do progreso tecnolóxico de Galicia

Na comunicación dirixida á xerente do Sergas, lembran a importancia das enxeñarías en informática, posto que “é vital no desenvolvemento da sociedade actual. Os profesionais da enxeñaría informática posúen un elevado nivel formativo e ofrecen a garantía que a sociedade precisa para o progreso tecnolóxico de Galicia”.

Cómpre lembrar que o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) son as corporacións de dereito público que teñen a representatividade da enxeñaría e a enxeñaría técnica en informática en Galicia. As súas creacións foron aprobadas mediante as Leis 10/2006 e 8/2006, do 1 de decembro, do Parlamento de Galicia e os seus estatutos foron refrendados e aprobado como tales mediante o Decreto 112/2008 do 15 de maio e co Decreto 137/2008, do 19 de xuño, respectivamente.