Informática de Xestión, no campus de Ourense, é a que ten menos porcentaxe de ocupación, un 40%

Este curso quedaron 500 vacantes nas carreiras con límite de prazas. No 2001, un total de 121 estudos tiñan unha nota de corte mínima, e no curso 2007-08 só consérvana 83.

Escudo da Universidade de VigoInformática de Xestión, no campus de Ourense, é a que ten menos porcentaxe de ocupación, un 40%.

Cada vez menos titulacións manteñen unha nota de corte para acceder a elas. Durante este curso son 83 carreiras, fronte a 72 que non presentan barreiras. Aínda así, en moitos estudos cun límite de prazas seguen quedando vacantes. Este ano foron medio milleiro (498) distribuídas en vinte titulacións. Enxeñería Informática de Xestión no campus de Ourense é a carreira na que sobraron máis prazas, 87 das 145 que oferta. En Enxeñería de Telecomunicacións de Vigo quedaron sen cubrir 44 das 110, e en Dereito Económico Empresarial, por exemplo, 32 de 125.


O número de prazas vacantes diminúe cada ano máis porque se eliminan os númerus clausus e baixa tamén a cifra de universitarios. No curso 2001-02 había case 16.000 prazas que conservaban unha barreira de acceso. Neste curso foron menos da metade, 7.890, das que se cubriron o 96%. O curso pasado a porcentaxe de ocupación foi do 92% (quedaron sen cubrir case un milleiro), pero hai que ter en conta que se ofertaban 9.467. Segundo os datos da Comisión Interuniversitaria de Galicia (Ciug), este ano unha de cada catro carreiras con límite non chegaron a cubrir a súa oferta, mentres que no 2006-07 foron o 32% (había once máis con cota de acceso).

Para intentar alcanzar un maior número de alumnos, as institucións de educación superior abriron prazos extraordinarios de matrícula a partir do 2 de novembro. Aínda que na maioría das carreiras non houbo sorte, en Enxeñería Informática da Coruña houbo nese prazo 36 novas matrículas, o que provocou que non queda nin unha soa vacante.

A pesar da multitude de titulacións que xa non teñen límite, e as carreiras que non cobren as que ofertan, os universitarios galegos seguen sen entrar na titulación que desexan. Durante este curso, os de Vigo foron os alumnos con máis sorte, xa que o 83,2% accederon á titulación elixida en primeira opción. Na Coruña quedou no 80,6%, mentres que na Universidade de Santiago lográrono o 74,6%. En total, conseguírono en primeira opción o 79,4% dos alumnos.