Xornada sobre a Lei de Servizos Profesionais, organizada pola Unión Profesional De Traballadores para o día 19

O CPEIG participará nunha mesa redonda para abordar os colexios perante as novas titulacións

Logotipo CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) participará o vindeiro día 19 de xullo na xornada que a Unión Profesional de Traballadores ultima para debater a futura e controvertida Lei de Servizos Profesionais, que o Goberno central remitirá en vindeiras datas para a súa tramitación ao Congreso dos Deputados. A sesión terá lugar a partir das 9.00H. en horario de mañá e tarde na sede da Escola Galega de Administración Pública (Egap).

Un nutrido elenco de relatores abordará ao longo do día distintos aspectos da lei de Servizos Profesionais, como son a formación universitaria e as atribucións profesionais, as estruturas colexiais e a viabilidade e fidelización de colexiados, entre outros.

Na mesa redonda Estruturas colexiais e viabilidade, que se desenvolverá a partir das 16.30 H.,  participará o tesoureiro do CPEIG, Antonio Carro Mariño, quen falará, en concreto, sobre Os colexios diante das novas titulacións.

Para asistir á xornada cómpre inscribirse en www.unionprofesionaldegalicia.org e pagar unha cota de 30 euros.