O CPEIG premia a traxectoria profesional do ourensán Roberto Baratta, responsable de seguridade tecnolóxica NovaGalicia Banco

O ente colexial entregaralle o galardón durante a celebración da V Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, prevista para outubro

Roberto Baratta

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2013.-  A xunta de goberno do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) acordou  por unanimidade outorgarlle o Premio Traxectoria Profesional a Roberto Baratta, CISO e responsable de Seguridade Tecnolóxica de Novagalicia Banco. A entrega do galardón terá lugar durante a celebración da quinta edición da Noite da Enxeñaría en Informática, prevista para o vindeiro 4 de outubro.

A concesión do premio a Roberto Baratta (Ourense, 1970) representa a aposta do CPEIG por que sexan as enxeñeiras e enxeñeiros en informática os responsables da seguridade tecnolóxica nas distintas Administracións, empresas e outras entidades.

Roberto Baratta, con 14 anos de experiencia en diferentes responsabilidades na administración de sistemas e seguridade TI, actualmente forma parte de Novagalicia Banco como CISO e responsable de Seguridade Tecnolóxica da entidade financeira. Ao longo da súa traxectoria, desempeñou varios postos: responsable de Xestión Interna e identidades, director de Operación Seguridade Informática, IT Security Officier e administrador de sistemas, entre outros. Enxeñeiro en Informática de formación, é máster en E-Business, foi profesor convidado da Universidade de Vigo na súa Escola Superior de Informática e docente da Escola Galega de Administración Pública (Egap) en áreas de Seguridade da Información e Tecnoloxía, entre outras actividades.

Asemade, o galardoado conta coas certificacións CRISC - Certified in Risk and Information Systems Control, CISSP - Information Security, CDPP - Certified Data Privacy Professional e é membro de ISMS Forum, CSA Spanish Chapter e ISACA, entre outros, así como relator habitual en materias relacionadas coa seguridade da información e a tecnoloxía.

SOBRE O CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) é un dos colexios profesionais máis activos na defensa dos intereses dos seus colexiados. Constituído en decembro de 2007 e con sede en Santiago de Compostela, na actualidade conta con máis de 350 persoas colexiadas.