O CPEIG recoñece a PuntoGal cun premio especial pola consecución do dominio propio

O presidente da iniciativa, Manuel González González, destaca o apoio recibido  pola comunidade da Enxeñaría Informática.

Logotipo puntoGal

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2013.- A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) acordou outorgarlle por unanimidade un galardón especial á Asociación PuntoGal pola recente consecución do dominio .gal. O acto de entrega do premio terá lugar durante a Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que este ano chegará á súa quinta edición e terá lugar no mes de outubro.

O CPEIG séntese especialmente orgulloso deste galardón, posto que o dominio .gal representa un decidido impulso para a difusión e coñecemento da lingua e cultura de Galicia.

PuntoGal é unha iniciativa que durante máis de sete anos traballou co obxectivo de conseguir un dominio propio en internet e, a través del, unha maior visibilidade e presenza do pobo galego na rede e no mundo. Ao longo da súa traxectoria, recibiu máis de 12.000 apoios cidadáns e conseguiu a adhesión de máis de 110 entidades. Finalmente, o ICANN, organismo que goberna a Rede, aprobou o dominio para a lingua e culturas galegas o pasado 14 de xuño.

O presidente de PuntoGal, Manuel González González, vén de manifestarlle ao presidente do colexio, Fernando Suárez, o seu agradecemento pola concesión do premio e por escrito destacou que “o apoio da comunidade da enxeñaría informática, e en xeral de todo o mundo relacionado coas TIC, foi fundamental ao longo destes anos para conseguir o dominio”.

SOBRE O CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) é un dos colexios profesionais máis activos na defensa dos intereses dos seus colexiados. Constituído en decembro de 2007 e con sede en Santiago de Compostela, na actualidade conta con máis de 350 persoas colexiadas.