O experto Francisco García Morán aborda en Santiago a Organización das TI na Comisión Europea

A conferencia enmárcase no terceiro Curso Superior de Administración Electrónica, organizado pola EGAP  e o CPEIG

Logo CPEIG

O Chief IT Advisor da Comisión Europea, Francisco García Morán, ofrece mañá mércores, 11 de xuño, unha conferencia sobre a organización das Tecnoloxías da Información (TI) na Comisión Europea, no marco do terceiro Curso Superior de Administración Electrónica, convocado pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP) en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). A sesión maxistral Contexto político e organización das TI na Comisión Europea comezará ás cinco da tarde no salón de actos da EGAP, en Santiago de Compostela, con entrada libre e de balde. Na súa intervención, García Morán abordará aspectos tan actuais como as axendas dixitais, a seguridade, a interoperabilidade e os datos abertos, entre outras cuestións

Tras a participación do especialista en Dereito e Internet Pablo García Mexía, e do letrado da Xunta Rafael Millán, a conferencia de mañá é xa a terceira sesión maxistral que se ofrece no marco do Curso Superior de Administración Electrónica. A actividade formativa está dirixida polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e ten unha duración de 114 horas, das que 84 son teóricas e 30, prácticas. O obxectivo é afondar, desde unha perspectiva técnico-xurídica, na concepción da Administración electrónica, incidindo na importancia que ten a súa implantación nas distintas administracións.

Os destinatarios do curso, dun máximo de 50 prazas, son empregados públicos das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica como local e de xustiza, e das universidades do sistema universitario da comunidade, así como persoal contratado polas administracións públicas e os profesionais que estean en posesión do título de doutor, licenciado, diplomado, grao, arquitecto, enxeñeiro, arquitecto técnico e enxeñeiro técnico.