O inimigo silencioso

Logo CPEIG

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2013.- A hipertensión arterial é un inimigo silencioso. Calcúlase que este flaxelo azouta ao 20% da poboación mundial, pero só o 50% das persoas que a padecen o saben. Aos enxeñeiros e enxeñeiras en informática pásanos o mesmo coa presión que exercen de forma silenciosa contra nós os potentes lobbies doutras enxeñarías con maior avoengo, sen que a maioría nos deamos conta de que nos están afundindo na miseria.

Que a enxeñaría química se incluise no borrador da LSP, que presumiblemente fixo circular o Goberno, mentres que a enxeñaría en informática continúa sendo discriminada de xeito groseiro non é casualidade. Sen dúbida responde a esa presión que outros exerceron na sombra.

Recentemente coñeciamos a nova de que Unión Profesional de Canarias apoiaba a inclusión das enxeñarías en informática na LSP nas mesmas condicións que o resto de enxeñarías. Facíano dunha forma tan explícita e determinante que un colexio profesional de enxeñaría en informática, doutra comunidade autónoma de moito máis ao norte, creu que era unha boa idea promover que a Unión Profesional da súa autonomía fixese pública unha nota de apoio similar. Así o fixo. Presentouse nunha Asemblea e na quenda de rogos e preguntas solicitou ese apoio ante os representantes dos distintos colectivos alí reunidos. Iso provocou que o inimigo silencioso non tivese máis remedio que saír da súa tobeira.

Resultou que estaba presente o decano dos enxeñeiros industriais da comunidade en cuestión, que ademais era membro da xunta de goberno do Consello Xeral de Enxeñeiros Industriais e que, aínda que non tiña ningún argumento para oporse, enrocóuse nunha posición tan inxustificable que o resto de asistentes non daban crédito. Entre os asistentes había representantes de profesións como a arquitectura, a mediciña, a economista, a farmacéutica, a química, a educación social, a enxeñaría de minas, a enxeñaría agrónoma, a mariña mercante,... e todos, absolutamente todos estaban de acordo en que Unión Profesional debía atender á solicitude do colexio de enxeñaría informática xa que o consideraban xusto e non comprendían a negativa dos enxeñeiros industriais.

"É que o que vós queredes son as atribucións profesionais do resto de enxeñarías" dicíalle o decano da enxeñaría industrial ao representante da enxeñaría informática sen que este último necesitase sequera responderlle porque o resto de participantes na reunión saltaban como un resorte para responder por el "pois claro! se vai haber unhas atribucións comúns para todas as enxeñarías é lóxico que a enxeñaría en informática as teña tamén."

A oposición a que unha enxeñaría como a informática fose tratada como as demais resultaba tan difícil de defender que a inseguridade do representante da enxeñaría industrial levouno a deixar caer unha ameaza velada de romper a baralla e saír de Unión Profesional. Séntense fortes e cren que poden permitirse lanzar o órdago de saír dunha asociación na que estaban a deixar moi claro que só participan para defender os seus propios intereses.

En Unión Profesional os acordos tómanse por unanimidade ou non se toman así que o veto dos industriais evitou un pronunciamiento a favor da non discriminación da enxeñaría en informática, pero a satisfacción de desenmascarar ao inimigo silencioso e presenciado o apoio sincero e espontáneo que outras profesións nos demostraron debe ser compartida para que sexamos conscientes de que cando denunciamos que nos discriminan non é que sexamos uns paranoicos, senón que o inimigo ao que nos enfrontamos non adoita dar a cara a non ser que lle provoques.