Aberta a inscrición para o Curso de Xestión Áxil de Proxectos Software que organiza o CPEIG

Javier Garzás será o relator da acción formativa, prevista para o 24 e 25 de maio

Logo CPEIG

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2013.- O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de abrir o prazo de inscrición para asistir ao Curso de Xestión Áxil de Proxectos Software, que impartirá Javier Garzás durante os días 24 e 25 de maio en Santiago de Compostela.

O obxectivo do curso, que ofrece un total de 20 prazas, é afondar nas técnicas e ferramentas precisas para xestionar con éxito o día a día dos proxecto áxiles na empresa. A acción formativa fará especial fincapé na planificación deste tipo de proxectos.

O curso vai dirixido a directivos, xefes de proxecto, Product Owner, Scrum Master, responsables de calidade, responsables de mellora de procesos software, consultores, avaliadores, auditores informáticos, persoal de xerencia media e técnica de área de SE/TI e profesionais da área TIC.

Pola súa banda, o relator do curso, Javier Garzás, é doutor e enxeñeiro superior en Informática. Conta con estudos posdoutorais e é investigador convidado na Universidade Carnegie Mellon, de Estados Unidos, onde desenvolveu tarefas de investigación e metodoloxías áxiles. Na actualidade, é profesor titular da Universidade Rei Juan Carlos e traballa na empresa Kybele Consulting.

O importe da inscrición no curso é de 75 euros no caso de membros pre ou colexiados/as, mentres que ascende a 225 no caso de persoas sen relación co CPEIG. O prazo de inscrición remata o vindeiro 23 de maio.

Para ampliar información, pódese consultar o portal do CPEIG: http://www.cpeig.org/portal/node/1583 ou dirixir un correo electrónico ao presidente da comisión de formación do CPEIG, Francisco Rodríguez Martínez: vogal4@cpeig.org.