Pablo García Mexía disertará mañá sobre dereito e internet na inauguración do Curso Superior de Adminisntración Electrónica

A Escola Galega de Administración Pública acollerá a conferencia, de entrada libre e gratuíta 

Logo CPEIG

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2013.- Pablo García Mexía, especialista en Dereito e Internet, ofrecerá mañá mércores, día 24 de abril, unha conferencia  dentro da inauguración do terceiro Curso Superior de Administración Electrónica, convocado pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP) en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). Será  a partir das cinco da tarde na sede da EGAP, en Santiago de Compostela.

A Baixo o epígrafe de Dereito e Internet, o relator realizará un percorrido polas orixes históricas e os principios do Dereito da Rede (fontes, alcance mundial, respecto á apertura de Internet…), os principais contidos e os retos de futuro, como son os dereitos e liberdades, xurisdición e normas internacionais, ciberdelincuencia ou responsabilidade dos intermediarios, entre outros.

Pablo García Mexía é letrado das Cortes Xerais en excedencia parcial, ademais de letrado da Comisión Xeral das Comunidades Autónomas do Senado. Director e cofundador de Syntagma-Centro de Estudios Estratégicos e doutor en Dereito, é profesor asociado de Dereito Constitucional na Universidade Carlos III de Madrid. Asemade, foi director de Goberno Interior do Senado entre os anos 2002 e 2004 e secretario xeral da Asemblea de Madrid entre 1997 e 2000. Tamén exerceu como director de Relacións Parlamentarias do Congreso dos Deputados entre os anos 1996 e 1997. É autor, entre outros,  do libro Los conflictos de intereses y la corrupción contemporánea.

Cincuenta prazas

O Curso Superior de Administración Electrónica, dirixido polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez, ofrece un total de 50 prazas e a súa duración é de 114 horas, das que 84 serán teóricas e 30, prácticas. A actividade formativa pretende afondar, desde unha perspectiva técnico-xurídica, na concepción da Administración electrónica, incidindo na importancia que ten a súa implantación nas distintas administracións de Galicia.

Os destinatarios do curso son empregados públicos das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica como local e de xustiza, e das universidades do sistema universitario da comunidade, así como persoal contratado polas administracións públicas e os profesionais que estean en posesión do título de doutor, licenciado, diplomado, grao, arquitecto, enxeñeiro, arquitecto técnico e enxeñeiro técnico.

Ao abeiro do acordo existente entre o colexio e a EGAP, os colexiados e colexiadas obteñen un prezo especial na matrícula de 350€, fronte aos 500 euros que deben pagar aqueles alumnos non funcionarios.