O Presidente do CPEIG esíxelle ao Goberno a inclusión das Enxeñarías Informáticas na Lei de Servizos Profesionais

Fernando Suárez participou na celebración do Día da Escola, organizado esta mañá pola ETSE da Universidade de Santiago de Compostela
Logotipo da Universidade de Santiago

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2013.- O presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez Lorenzo, realizou esta mañá unha acesa defensa das enxeñarías en informática durante a súa intervención no Día da Escola, acto organizado pola Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) da Universidade de Santiago de Compostela.

En presenza do reitor da USC, Juan Casares Long, e doutras autoridades académicas e alumnado, o máximo representante do CPEIG  pronunciou a súa charla baixo o epígrafe de O futuro das enxeñarías ante a reforma da Lei de Servizos Profesionais, na que demandou do actual Goberno central a inclusión das enxeñarías informáticas na futura Lei de Servizos Profesionais.

Na súa alocución, referiuse a un borrador de dita lei que, explicitamente, exclúe as enxeñarías informáticas do eido das demais enxeñarías. De aprobarse a lei nos termos recollidos no borrador, suporía “un agravio inaceptable para as enxeñeiras e enxeñeiros en Informática”, denunciou Suárez Lorenzo.

Múltiples iniciativas aprobadas

O presidente do CPEIG incidiu en que resulta preocupante “a cegueira dos nosos actuais gobernantes, quen, cando estaban na oposición, clamaron contra a discriminación á que o Goberno socialista sometía ao colectivo das enxeñeiras e enxeñeiros informáticos, e que agora fan caso omiso ás múltiples iniciativas aprobadas nos parlamentos autonómicos, Congreso dos Deputados e Senado a prol da Enxeñaría en Informática”.

Segundo apuntou Suárez Lorenzo, todos os sectores da sociedade moderna apóianse na Enxeñaría Informática para o seu funcionamento e excluíla do resto das enxeñarías suporía “impedir que o país avance e progrese de xeito axeitado”, ademais de restarlle garantías á sociedade. 

 

En opinión do CPEIG, a futura Lei de Servizos Profesionais podería ocasionar perdas millonarias por proxectos fallidos pola falla de garantía e provocaría, tamén, que centos de estudantes valiosos se matriculen no futuro noutras carreiras que si teñen o recoñecemento social.

“Se o borrador de lei se converte en norma –afondou Suárez Lorenzo- España seguirá descendendo nos rankings mundiais sobre o emprego de novas tecnoloxías e perderanse miles de postos de traballo neste sector”. Do mesmo xeito, prognosticou unha emigración de profesionais que porán o seu coñecemento ao servizo doutros países de prosperar o borrador da Lei de Servizos Profesionais.