O CATSI finalmente incluirá a participación dos Colexios de Enxeñaría Informática

O Goberno informou nese sentido a través da resposta a unha pregunta escrita formulada por unha deputada do Congreso
Logotipo Ministerio Industria, Energía e Turismo

Santiago de Compostela, febreiro de 2013. O Goberno central vén de informar, mediante a resposta escrita a unha pregunta formulada polo Grupo Mixto a través da deputada do BNG Rosana Pérez Fernández , que na actualidade se elabora unha nova normativa cuxo obxectivo é reflectir a situación real do sector na composición do Consello Asesor de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información (CATSI). Textualmente afirma: “Deberase incluír a participación dos Colexios Profesionais de Enxeñeiros en Informática e de Enxeñeiros Técnicos en Informática”, tal e como se dispuxo na Lei 20/2009, para o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñaría Informática e na Lei 21/2009 para o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñaría Técnica en Informática.

Deste xeito, o Executivo traballa na modificación do Real Decreto 1029/ 2002, de 4 de outubro, polo que se establece a composición e o réxime de funcionamento do Consello Asesor das Telecomunicacións e da Sociedade da Información. Dáse cumprimento así á normativa existente e ás reiteradas demandas do Consello de Colexios de Enxeñeiros en Informática (CCII).

Na mesma resposta, o Goberno informa sobre a tramitación dos estatutos de CCII desde a presentación dos mesmos por parte do Consello ata a xuntanza mantida o pasado día 15 de xaneiro. En concreto, sinala que a Secretaría Xeral Técnica do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo recibiu o Proxecto de real decreto polo que se aproban os estatutos xerais dos Colexios Oficiais de Enxeñaría en Informática e de Enxeñaría Técnica en Informática e dos seus Consellos Xerais.

Na súa pregunta, a deputada do Grupo Mixto interésase tamén polos motivos que levaron a que os profesionais da enxeñaría en informática quedaran fóra do grupo de expertos para elaborar a Axenda Dixital Española. Na súa resposta, o Executivo xustifícase afirmando que para a elección dos membros do devandito grupo non tiveron en conta a entidade ou a profesión senón as achegas que cadaquén podía facer en base aos seus coñecementos ou traxectorias.

En todo caso, descoñécese cál foi o criterio que aplicou o Executivo para valorar a traxectoria dos elixidos e por qué a escolla se limitou a coñecidos do Goberno, cando o lóxico sería que lles preguntasen aos colectivos máis representativos do sector co ánimo de contar, realmente, cos mellores profesionais.

AdxuntoTamaño
06-11-12-Pregunta.pdf110.9 KB
23-01-13-Respuesta.pdf131.52 KB