CONCITI e CCII reúnense co Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo

O encontro permite avanzar nos temas que afectan á profesión. A inclusión no Consello Asesor das Telecomunicacións e Sociedade da Información, podería estar lista en 6 meses.

Símbolo do CPEIG

O pasado martes, CONCITI (Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñaría Técnica en Informática) e CCII (Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñaría Informática) reuníronse no Ministerio de Industria coa Subsecretaría de Industria, Enerxía e Turismo e coa Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información co obxectivo de coñecer o estado dos temas que afectan á profesión de Enxeñeiro e Enxeñeiro Técnico en Informática.

Durante a reunión tratouse un tema de especial preocupación para o colectivo, o anteproxecto de Lei de Servizos Profesionais, onde os representantes da profesión trasladaron ao Ministerio a súa posición respecto deste anteproxecto, interesándose polo estado de tramitación do mesmo.

Este encontro permitiu ademais coñecer o avance na aprobación dos Estatutos Xerais de ambos os Consellos, e que permitirá, se se cumpren os prazos previstos, que estean aprobados antes do verán de 2013, así como a incorporación dos Consellos ao Consello Asesor das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, comprometida para o primeiro semestre do ano.