O CPEIG entrega os premios anuais na Noite da Enxeñaría en Informática

Máis de 200 persoas, entre colexiados, empresariado e cargos institucionais reuníronse no Hostal dos Reis Católicos
Foto Familia IV Noite da Enxeñaría en InformáticaOs colexiados e colexiadas que integran o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) reuníronse o pasado venres día 23 na cuarta edición da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia. Unhas 250 persoas déronse cita baixo o interese común da Informática e a defensa da profesión. Un cóctel, a entrega dos premios anuais do colexio e unha cea de gala constituíron o evento, que estivo presentado polo monologuista Miguel Lago.

"É fundamental potenciar unha profesión que está chamada a ser a que lidere o novo modelo económico no que a concorrencia ha de ser un dos obxectivos principais", asegurou o presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, na alocución que lles dirixiu aos asistentes.

"A Enxeñaría en Informática é e será no futuro inmediato o motor da economía. Non existe outro ámbito con maior presenza en todos os sectores profesionais e con maior potencial transformador das estruturas económicas. É preciso, por tanto, consolidar un sector TIC competitivo, innovador e xerador de emprego cualificado, capaz de facer fronte aos retos da nova economía do coñecemento. O noso sector ten que constituírse no elemento transformador de Galicia", afondou Suárez Lorenzo.

Entre outras autoridades, estiveron presentes na Noite o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez; o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo; o Reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares Long; as concelleiras do Concello de Santiago María Pardo e Amelia González; a directora da Amtega, Mar Pereira, e o alcalde da Coruña, Carlos Negreira, entre outros.

Galardóns do CPEIG

As persoas e entidades galardoadas este ano nas diferentes modalidades dos Premios do CPEIG foron:

  • Premio Proxecto Fin de Carreira: o pontevedrés Adrián López Villaverde, polo seu traballo Deseño de Infraestruturas de Almacenamento Escalables para Cloud Computing. O proxecto fin de carreira premiado polo CPEIG foi cualificado con matrícula de honra pola Universidade da Coruña. O traballo propón o deseño dunha solución de almacenamento escalable para o cloud, mediante o uso do provedor Amazon Web Services (AWS), que financiou o traballo. Mediante unha exhaustiva análise de sistemas de ficheiros compartidos e paralelos (NFS e OrangeFS) e librarías de E/S (POSIX, MPI-IO e HDF5) con tecnoloxías de altas prestacións (SSD e 10 Gigabit Ethernet) e con ata 128 clientes, obtívose unha solución escalable que ofrece un rendemento cinco veces superior, na metade de tempo e cun menor custo asociado.
  • Premio Ada Byron: concedeuse este ano por primeira vez. A enxeñeira informática Luz Castro, como representante das mulleres líderes na adopción da tecnoloxía, e pola súa capacidade para mesturar coñecementos técnicos e visión social. O colexio valorou a intensa traxectoria profesional da galardoada, enxeñeira Informática pola Universidade da Coruña, e a súa implicación na defensa da Enxeñaría en Informática. Socia fundadora de Imaxin Software, empresa na que é directora da área especializada no desenvolvemento de xogos educativos e produtos multimedia, Luz Castro é profesora interina na Facultade de Comunicación Audiovisual da Universidade da Coruña desde o ano 2008. A premiada foi vicepresidenta da Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet (Eganet) entre os anos 2008 e 2010. No ano 1994 fundou a Plataforma polo Galego na Informática e foi vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística no período 2002 /2004.
  • Premio Iniciativa Empresarial: Imatia Innovation, empresa tecnolóxica incluída na listaxe de referencia a nivel mundial Top 100 en Europa. Fundada en 2005, Imatia Innovation ten a súa orixe como spin-off da Universidade de Vigo. É unha empresa tecnolóxica especializada no desenvolvemento rápido de sistemas de información e alta calidade, e recoñecida xa fóra de España. Este mesmo ano a editorial Red Herring incluíu a firma galega dentro da súa listaxe de referencia a nivel mundial de empresas, TOP 100 en Europa. Ese recoñecemento supón identificar a Imatia Innovation como unha firma nova con moito desenvolvemento futuro e con carácter emprendedor.
  • Premio Iniciativa Emprendedora: LaconNetwork, evento de networking que reúne a emprendedores do sector TIC de Galicia baixo un paraugas informal pero moi estable. O xurado valorou o xeito "alternativo" de apoio ao emprendemento de LaconNetwork, un encontro que se concreta nun xantar o último venres de cada mes e no que os emprendedores TIC de Galicia poden compartir experiencias e valoracións dun xeito distendido e periódico. Asemade, as xuntanzas inclúen a presenza de figuras representativas do sector e de entidades que poden estar interesadas nos proxectos que se están a desenvolver na nosa Comunidade. O xeito de concretar a hora e o lugar de encontro para a comida é mediante a rede social Twitter. Os encontros de LaconNetwork fixeron xa dous anos de vida, ao longo dos que pasaron máis de 200 emprendedores e máis de 100 proxectos que, de xeito recorrente, participan nas xuntanzas.
  • Premio Iniciativa da Administración: Proxecto Coruña Smart City, en recoñecemento á aposta que o concello herculino está a realizar pola I+D+i e as novas tecnoloxías, dous desafíos esenciais para o desenvolvemento económico e social da cidade herculina, e de Galicia en xeral.
  • Premio Traxectoria Profesional: a título póstumo, Víctor Gulías, profesor da Universidade da Coruña, investigador e emprendedor. O homenaxeado foi director do CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións) e profesor titular na Universidade da Coruña. Para o CPEIG, Víctor Gulías é un referente polo moito que traballou a prol da dignificación da profesión e a favor das TIC, esforzo que o CPEIG xa lle recoñeceu publicamente en ocasións anteriores. Asemade, Gulías representa, como emprendedor, un exemplo de que é factible crear solucións empresariais competitivas globais desde Galicia e apostar pola internacionalización das nosas empresas

Patrocinadores da Noite da Enxeñaría en Informática

Patrocinadores Ouro: Altia Consultores, Amtega, Bahía Software, Everis, Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico, Hewlett-Packard, Indra, Plexus, Retegal e Telefónica.

Patrocinadores Prata: Concello de Santiago de Compostela, Deputación da Coruña, Deputación de Pontevedra, Emetel, Fortinet, Imatia Innovation, Insa,Inycom, Oracle e Tecnocom.