O pontevedrés Adrián López gaña o Premio Fin de Carreira do CPEIG cun traballo sobre solucións escalables no Cloud

O premiado recibirá 1.000 euros en metálico e unha estatuíña conmemorativa
Foto Adrian Lopez

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) acordou outorgarlle o Premio Proxecto Fin de Carreira, dirixido a estudantes de Enxeñaría en Informática que realizasen os seus estudos en Galicia nos últimos dous anos (2011 ou 2012), a Adrián López Villaverde polo seu traballo Deseño de Infraestruturas de Almacenamento Escalables para Cloud Computing.

O proxecto fin de carreira premiado polo CPEIG foi cualificado con matrícula de honra pola Universidade da Coruña. O traballo propón o deseño dunha solución de almacenamento escalable para o cloud, mediante o uso do provedor Amazon Web Services (AWS), que financiou o traballo. Mediante unha exhaustiva análise de sistemas de ficheiros compartidos e paralelos (NFS e OrangeFS) e librarías de E/S (POSIX, MPI-IO e HDF5) con tecnoloxías de altas prestacións (SSD e 10 Gigabit Ethernet) e con ata 128 clientes, obtívose unha solución escalable que ofrece un rendemento cinco veces superior, na metade de tempo e cun menor custo asociado.

Adrián López Villaverde, orixinario da cidade de Pontevedra, recibirá como recoñecemento 1.000 euros en metálico e unha estatuíña no transcurso da celebración da Cuarta Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que se celebrará o vindeiro día 23 de novembro en Santiago de Compostela. O ente colexial busca, a través da concesión deste premio, achegarse ao colectivo estudantil e defender as vantaxes da colexiación, ademais de estimular o traballo dos estudantes de Enxeñaría en Informática.

O xurado do premio estivo composto por: Alberto Vaderruten, decano da Facultade de Informática da UDC; Antonio Mosquera, director da Escola Técnica Superior de Exeñaría da USC; Enrique Barreiro, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo; o secretario do colexio, Juan José González Cid; e o presidente do mesmo, Fernando Suárez Lorenzo.

O galardón do CPEIG insírese nos premios que entregará na Cuarta Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que o ente colexial organizará o vindeiro venres no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela. Este evento anual representa un punto de encontro entre todos as colexiadas e colexiados, e conta cunha destacada participación de cargos empresariais e institucionais.

A organización da gala estima que unhas 250 persoas se darán cita baixo o interese común da Informática e a defensa da profesión. A gala será presentada polo monologuista Miguel Lago.

Galardóns

As persoas e organizacións galardoadas este ano nas diferentes modalidades dos Premios do CPEIG son:

  • Premio Proxecto Fin de Carreira: Adrián López Villaverde.
  • Premio Traxectoria Profesional: a título póstumo, Víctor Gulías, profesor, investigador e emprendedor.
  • Premio Ada Byron: a enxeñeira informática Luz Castro, como representante das mulleres líderes na adopción da tecnoloxía, e pola súa capacidade para mesturar coñecementos técnicos e visión social.
  • Premio Iniciativa Emprendedora: LaconNetwork, evento de networking que reúne a emprendedores do sector TIC de Galicia baixo un paraugas informal pero moi estable.
  • Premio Iniciativa da Administración: Proxecto Coruña Smart City, en recoñecemento á aposta que o concello herculino está a realizar pola I+D+i e as novas tecnoloxías.
  • Premio Iniciativa Empresarial: Imatia Innovation, empresa tecnolóxica incluída na listaxe de referencia a nivel mundial Top 100 en Europa. 

Patrocinadores da Noite da Enxeñaría en Informática

  • Patrocinadores Ouro: Altia Consultores, Amtega, Bahía Software, Everis, Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico, Hewlett-Packard, Indra, Plexus, Retegal e Telefónica.
  • Patrocinadores Prata: Concello de Santiago de Compostela, Deputación da Coruña, Deputación de Pontevedra, Emetel, Fortinet, Imatia Innovation, Insa,Inycom, Oracle e Tecnocom.