LaconNetwork, Premio Iniciativa Emprendedora do CPEIG

A Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, prevista para o 23 de novembro, acollerá a entrega do galardón

Estatuíñas Noite Enxeñaría

A xunta de goberno do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) decidiu outorgarlle o Premio Iniciativa Emprendedora a LaconNetwork, evento de networking que reúne a emprendedores do sector TIC de Galicia "baixo un paraugas informal pero moi estable". A entrega do galardón farase efectiva o vindeiro 23 de novembro, en Santiago de Compostela, dentro da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, na que está prevista a concesión de máis premios.

O xurado valorou o xeito "alternativo" de apoio ao emprendemento de LaconNetwork, un encontro que se concreta nun xantar o último venres de cada mes e no que os emprendedores TIC de Galicia poden compartir experiencias e valoracións dun xeito distendido e periódico. Asemade, as xuntanzas inclúen a presenza de figuras representativas do sector e de entidades que poden estar interesadas nos proxectos que se están a desenvolver na nosa Comunidade. O xeito de concretar a hora e o lugar de encontro para a comida é mediante a rede social Twitter.

Os encontros de LaconNetwork fixeron xa dous anos de vida, ao longo dos que pasaron máis de 200 emprendedores e máis de 100 proxectos que, de xeito recorrente, participan nas xuntanzas. O último LaconNetwok 2 years superou as expectativas de todos co apoio dos "laconeiros". Nesa ocasión cruzou fronteiras e contou co apoio de expertos e emprendedores nacionais e internacionais, cun total de máis de 300 asistentes inscritos na Rede LaconNetwork de anteriores edicións e 700 participantes do evento por Streaming.

O CPEIG fará entrega dos seus premios anuais no transcurso da Noite da Exeñaría en Informática de Galicia, que este ano chega á súa cuarta edición. Será o 23 de novembro, nunha gala que representa un punto de encontro para os colexiados e colexiadas, e que conta coa participación de cargos empresariais do sector TIC e institucionais.