O CPEIG agarda do novo goberno unha aposta decidida a prol da Enxeñaría Informática

O ente colexial mantivo diferentes encontros con responsables políticos ao longo da campaña electoral

Símbolo do CPEIG

A xunta de goberno do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) quere subliñar, unha vez celebradas as eleccións autonómicas galegas, a importancia estratéxica que terá para Galicia un goberno que apoie decididamente á Informática e aos seus profesionais. Cómpre lembrar que na campaña electoral o CPEIG remitiulles aos líderes das distintas formacións políticas senllas cartas nas que lles suxería unha serie de iniciativas a prol da informática e o desenvolvemento da sociedade galega, ademais de solicitar un encontro persoal cos representantes políticos.

Froitos desas comunicacións, o CPEIG mantivo un encontro persoal co BNG, en concreto coa deputada Ana Luísa Bouza, o pasado día 17 de outubro. Por outra banda, asistiu ese mesmo día, convidado polo PP, a un almorzo TIC con outros representantes do sector e, días despois, a un novo almorzo co candidato popular, Alberto Núñez Feijóo, e representantes de distintos sectores produtivos, económicos e sociais de Galicia.

Nesas xuntanzas, o presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, trasladoulles aos representantes políticos as inquedanzas dos colexiados en aspectos como a Axencia Galega de Protección de Datos; a presenza feminina na Enxeñaría Informática; a necesidade de continuar a aposta polo Open Data e o eGoberno e a necesidade de enfatizar as accións no desenvolvemento do software e servizos informáticos.

De acordo co punto de vista do CPEIG, o apoio que o novo executivo galego lle brinde á Enxeñaría Informática e aos seus profesionais representará un paso adiante no progreso e concorrencia de Galicia.