O CPEIG acorda outorgarlle o Premio Iniciativa da Administración ao Concello da Coruña polo proxecto Smart City

O galardón inscríbese nos premios anuais que os enxeñeiros en Informática entregarán este ano no mes de novembro

Estatuíña Noite da Enxeñaría en Informática

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) decidiu concederlle o Premio Iniciativa da Administración ao Concello da Coruña polo proxecto Coruña Smart City. Este recoñecemento inscríbese dentro dos galardóns que concede anualmente no transcurso da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia.

O CPEIG quere con este galardón facer un recoñecemento público a aposta que o concello coruñés está a realizar pola I+D+i e as novas tecnoloxías, "dous desafíos esencias para o desenvolvemento económico e social da cidade herculina, e de Galicia en xeral". 

Segundo destaca a carta remitida polo ente colexial ao alcalde da Coruña, Carlos Negreira, para comunicarlle a concesión do premio, "a sensibilidade tecnolóxica amosada avala á Coruña como a primeira cidade galega que forma parte da Rede Española de Cidades Intelixentes".

O recoñecemento insírese nos premios anuais que o CPEIG entrega dentro da súa gala, denominada Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que este ano se celebrará o 23 de novembro, no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela. Este evento representa un punto de encontro para os colexiados e colexiadas, e conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos do ámbito TIC.

Cuarta Noite da Enxeñaría en Informática

Esta será a cuarta edición da Noite, que cos seus premios recoñece a aquelas iniciativas e persoas destacadas dentro do ámbito da Enxeñaría Informática. Ademais da categoría Iniciativa da Administración, tamén se entregará a categoría Traxectoria Profesional, concedido a título póstumo ao investigador e profesor da UDC Víctor Gulías; e as seguintes, aínda sen fallar: Iniciativa Emprendedora, Proxecto Fin de Carreira, Iniciativa Empresarial e Premio Ada Byron, novidade deste ano que pon a énfase no traballo das mulleres no eido da Enxeñaría en Informática.

A Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia é un acto consolidado mediante o cal o CPEIG visualiza a súa presenza na sociedade galega, o traballo desenvolvido polos enxeñeiros e enxeñeiras en Informática e as iniciativas empresariais e académicas relacionadas co sector TIC.