O suposto “erro informático” nas farmacias

Carta ao director da Voz de Galicia remitida polo CPEIG e publicada o 10 de xullo
Símbolo do CPEIG

Unha vez máis, os medios de comunicación, La Voz de Galicia entre eles, fanse eco dun suposto "erro informático", esta vez asociado aos cambios producidos no tocante á dispensación de medicamentos en farmacias. A nova, publicada o pasado mércores día 4, recolle que a orixe do problema foi a introducción errónea da información do nomenclátor. Esa explicación afasta, en realidade, calquera dúbida sobre un eventual erro informático. Cómpre subliñar que un sistema complexo do calado do que nos ocupa non se modifica de forma inmediata, ao igual que un edificio non pode acometer una remodelación substancial en cuestión de días.

Seguramente non se consultou aos técnicos sobre as implicacións de dita modificación con anterioridade á toma de decisión da entrada en vigor da normativa e, non obstante, a realidade parece amosar que a parte técnica si funciona correctamente. Isto que podería supoñer un éxito considerable, vese embazado por novas como a sinalada, que non só non recoñecen o esforzo levando a cabo, senón que enchen de dúbidas e intranquilidade as relación electrónicas e as posibilidades que a informática lle ofrece ao desenvolvemento da nosa sociedade. Cómpre romper pois una lanza a prol da informática e das vantaxes que achega á nosa calidade de vida diaria ofrecendo confianza na seguridade das transaccións electrónicas en distintos ámbitos como o sanitario, o bancario ou as relación coa Administración.

Fernando Suárez Lorenzo

Presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG)