O CPEIG asina un convenio coa Fundación para a Formación e Emprego de Galicia

A colaboración entre as dúas organizacións será no ámbito do proxecto Aprendedores

Fundación para a Formación e Emprego de Galicia (Forem Galicia)

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Fundación para a Formación e Emprego de Galicia (Forem Galicia) veñen de asinar un convenio que busca a cooperación de ambas organizacións no ámbito do proxecto Aprendedores. O acordo establece uns canles para a realización en común de actividades de asesoramento, investigación, formación ou calquera outro tipo de accións que redunden en beneficio de ambas partes.

A colaboración entre CPEIG e Forem Galicia poderá contemplar diferentes aspectos: cooperación no desenvolvemento do programa Aprendedores; achega de profesionais docentes para a impartición das accións formativas; facilitar o intercambio de información entre as empresas do sector e Forem Galicia para establecer convenios en prácticas; intercambio de información e documentación sobre calquera aspecto do sector; publicidade e promoción do proxecto Aprendedores; achega de boas prácticas sobre iniciativas emprendedoras; asesoramento mutuo en cuestións relacionadas coas actividades propias de ambas entidades; e colaboración na inserción laboral do alumnado obxecto do proxecto.

Segundo consta no texto do acordo asinado, o proxecto Aprendedores insírese nos programas integrados para persoas desempregas, preferentemente perceptoras de prestación ou subsidios por desemprego.

Por parte do CPEIG asinou o convenio o seu presidente, Fernando Suárez Lorenzo, e por parte de Forem Galicia, María Luísa Estalote Suárez, directora da fundación.