O CPEIG colabora coa AMTEGA no Programa de Voluntariado Dixital

Asinado esta mañá en Santiago o acordo entre a Xunta e un total de 67 empresas, concellos, asociacións e organismos públicos

Foto acto de sinatura do protocolo de colaboración entre Amtega e CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) participou esta mañá no acto de sinatura do protocolo de colaboración entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e entidades colaboradoras para o desenvolvemento de proxectos de voluntariado no marco do Programa de Voluntariado Dixital.

O acordo, que se asinou na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, procura o fomento de actividades de difusión da sociedade dixital e do coñecemento, a través da posta en marcha dun proxecto de ensinanza e impulso de Internet cuxo obxectivo é introducir a sociedade no emprego das tecnoloxías da información e comunicación co fin de favorecer a súa integración social e laboral.

Ademais do CPEIG, un total de 41 entidades de acción voluntaria, 9 organismos públicos e privados e 16 empresas do sector tecnolóxico asinaron os protocolos de colaboración nos que se establece a súa participación no Programa de Voluntariado Dixital.

O acto de sinatura estivo presidido pola directora da Amtega, Mar Pereira, e o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro. En representación dos asinantes interviñeron Anxo Queiruga, presidente do Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade na Comunidade (CERMI Galicia); María Luisa Ansorena, presidenta da Unión Democrática de Pensionistas; Fernando Suárez, presidente do Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia; Manuel Ruiz, alcalde de Ribeira en representación da FEGAMP; e Antonio Rodríguez del Corral, vicepresidente e presidente en funcións do Cluster TIC Galicia.

No decurso do acto, o presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, afirmou que para os colexiados e colexiadas participar como organismo colaborador no Programa de Voluntariado Dixital representa "sumarnos activamente a unha crecente corrente de traballo contra a exclusión dixital".